Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Riotorto considera á Xunta culpable de que o concello quede sen centro de día e residencia de maiores

O PSdeG de Riotorto considera a negativa da Xunta do PP de non concertar prazas a causa de que este municipio non poida contar coa súa propia residencia e centro de día para maiores. O teniente alcalde e concelleiro de Obras e Servizos e Medio Ambiente, o socialista José García, solicita á Xunta que recapacite para facer posible a posta en marcha do servizo.

A Deputación de Lugo iniciou o ano pasado un proxecto de dotación de residencias en 12 concellos da provincia tras constatar a necesidade de prazas para os maiores. A institución provincial invitou á Xunta a participar nesta iniciativa, concertando prazas públicas nestas residencias en lugar de facelo noutras de titularidade privada, e axudando deste xeito ó financiamento das obras. Inexplicablemente e a pesar de que os populares apoiaron a iniciativa nun pleno provincial e de estar obrigados por lei a concertar as prazas, o PP na Xunta negouse a participar, complicando o financiamento do proxecto. Agora, os gobernos municipais e a Deputación, teñen que asumir en solitario os custes da posta en funcionamento destas infraestruturas.

Os concellos que se sumaron á iniciativa teñen que aportar 200.000 euros e os terreos para a construción do edificio. Desgrazadamente, no caso do Riotorto a administración local non puido asumir estes custes o que finalmente fai imposible a execución deste proxecto tan desexado polos socialistas do municipio. Pero insisten, o proxecto si sería viable de contar co apoio da Xunta, polo que lle piden que recapacite.

Así as cousas, o equipo de goberno de Riotorto, formado por socialistas e nacionalistas, non renuncia a que o concello conte con esta infraestrutura se atopan financiamento para a súa posta en marcha.

Por este motivo, os socialistas de Riotorto, non comprenden ás criticas do grupo municipal popular ás xestións de socialistas e nacionalistas que buscaban un importante beneficio para o concello. O PSOE considera que o único culpable de que o concello se quede sen centro de día é o goberno do PP na Xunta e explican que a súa negativa implica que agora a administración local teña que pagar preto de 9.000 euros en concepto de intereses por un crédito que solicitara para adquirir os terreos.

Necesidade deste servizo e creación de postos de traballo
O tenente alcalde e concelleiro socialista, José García, insiste en que a creación da residencia e centro de día en Riotorto é unha necesidade real no municipio que conta con 591 maiores de 64 anos, máis do 40% da súa poboación total. Pero ademais de prestar un servizo básico, suporía a creación de moitos postos de traballo neste concello, primeiro durante a súa construción e posteriormente cos traballadores do centro.

Os socialistas consideran importante este aspecto de xeración de emprego e dinamización da economía xa que a residencia e centro de día de Riotorto contaría con 25 habitacións, que poderían ser dobres e con todo o persoal necesario para atender os servizos de enfermería, médico, ats, cociña, e limpeza, entre outros.

Exit mobile version