Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG tacha de “hipócrita” ó PP por pedir no pleno de Riotorto unha residencia, “mentres a boicotea dende a Xunta”

O PSdeG de Riotorto cualificou este venres de “hipócrita“ a actitude que mantén o Partido Popular en relación coa construción na localidade mariñá dunha residencia e centro de día para a terceira idade públicos, pois “mentres defendeu no pleno municipal celebrado hoxe a posta en marcha deste servizo impulsado pola Deputación de Lugo, dende a Xunta fan todo o posible por boicotear o proxecto, sobre todo ó negarse a concertar prazas, cando si o están a facer en centros privados, e excusándose no sorprendente argumento de que estas dependencias non son necesarias, nin prioritarias na provincia”.

O tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos e Medio Ambiente do Concello riotortense, José García Freije, fixo estas declaracións tras o pleno extraordinario celebrado esta mañá para abordar a situación do proxecto da residencia e centro de día na localidade. O socialista lembrou que o PP apoiou tamén nun pleno provincial a iniciativa da Deputación. Ante estas “evidentes contradicións, instamos á dereita de Feijóo a aclararse dunha vez e recapacitar para facer posible a posta en marcha destas dependencias en Riotorto”, demandando tamén ós concelleiros populares no municipio “valentía para esixir ós seus xefes de Santiago que cambien a súa cabezuda actitude”.

Acordo plenario
Neste senso, os grupos de goberno -PSOE e BNG- aprobaron hoxe unha iniciativa plenaria na que acordan pedir á Consellería de Traballo unha xuntanza para solicitarlle que concerte 20 prazas na residencia da localidade. “Só unha vez tido ese compromiso, o Concello procedería á compra dos terreos para a continuación redactarse o proxecto por parte de SUPLUSA”, explicou García Freije. Os populares votaron en contra da proposta do bipartito, “o que pon en seria dúbida a súa verdadeira intención de sacar adiante a residencia”, engadiu.

“Non van desequilibrar o goberno”
O concelleiro considera de feito que, “lonxe de velar polo benestar dos veciños”, o PP riotortense “o único que busca con esta cuestión é desgastar e desequilibrar ó goberno local, pero xa lle avanzamos que non o van a conseguir”. O socialista basea esta afirmación lembrando que no 2010 os populares votaron no pleno en contra da compra dos terreos para o xeriátrico. “Daquela opoñíanse, e agora queren que se manteñan o proxecto da Deputación?”, pregúntase José García.

O edil insistiu en que “o único culpable de que os veciños de Riotorto se queden sen estes servizos sociais tan necesarios é o Goberno de Feijóo, que, a pesar de terse comprometido en varias ocasións, unha delas a 5 días das eleccións municipais, e de estar obrigado por Lei a facelo, rexeitou concertar prazas nos centros da Deputación, algo inaudito e incomprensible, pois non se lles pediu axuda para construílos, nin para a súa xestión, senón que apoien un proxecto público”.

“Non renunciamos”
Os concellos de todas as cores políticas que se sumaron á iniciativa do organismo provincial deben aportar 200.000 euros e os terreos para a construción do edificio. “Desgraciadamente, no caso de Riotorto non puidemos asumir estes custes”, explica o tenente de alcalde, o que polo momento fai imposible a execución deste proxecto “tan desexado” polos socialistas do municipio, pois ademais de atender unha necesidade básica e real do concello, con máis do 40% da súa poboación maior de 64 anos, “xeraría moitos postos de traballo”.

José García recalcou en calquera caso que o equipo de goberno “non renuncia” a que o concello conte con esta infraestrutura: “Impulsarémola se a Xunta cambia de opinión e acepta concertar prazas, ou se atopamos financiamento para a súa posta en marcha”.

Exit mobile version