Site icon Crónica3.com A Mariña

O rexedor de Ribadeo reclama medidas ás administracións ante o colapso da praia das Catedrais

Ribadeo, 17 de agosto de 2013. Ante o colapso de turistas que hai estes días na praia das As Catedrais, lugar por onde pasaron onte máis de 10.000 persoas, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, reclama ás administracións que tomen medidas urxentes para preservar o areal. O rexedor propón a creación dun parque natural ou un xeoparque para evitar a degradación dese monumento natural.

Fernando Suárez manifestou hoxe que “a realidade que amosa a praia das Catedrais en toda esta tempada, e non me refiro só a un momento puntual como o día de onte, reflexa o fenómeno social de masas e internacional de primeiro nivel que supón este areal para Ribadeo e para toda Galiza. É un lugar que eu creo que está á par da catedral de Santiago en número de visitas e non me estou referindo a unha quincena do mes de agosto senón a todo o ano”.

Para o alcalde ribadense “o feito de que no día de onte tivéramos que enviar á Policía Local a regular o acceso de entrada e saída de usuarios da praia dá boa proba da situación límite na que se atopa este monumento natural. E aínda que o queremos de corazón, porque sabemos que é un reclamo turístico importantísimo para nós e que atrae moita xente a Ribadeo, de seguir con esta intensidade de visitantes este entorno vaise acabar degradando dunha maneira moi acelerada”.

Por estes motivos o rexedor municipal considera que “non hai que demorarse xa moito máis para que sexan postas enriba da mesa as propostas de creación dun xeoparque ou dun parque natural na praia e o seu entorno. Esta figura debe ser apoiada polo goberno galego e o que se pretende, en definitiva, é que as administracións con competencias neste lugar (o Estado, A Xunta, a Deputación e o Concello) teñamos capacidade de coordinación a través da figura pertinente para que isto siga sendo unha riqueza, siga traendo xente e siga xerando beneficios desde o punto de vista turístico, pero que sexa medioambientalmente sostible e que non acabemos matando entre todos a galiña dos ovos de ouro”.

Exit mobile version