Site icon Crónica3.com A Mariña

O torneo de fútbol Vila de Foz enfrontará ó Lugo e ó Oviedo

la foto (2)Foz, 7 de agosto de 2013. O torneo de fútbol Vila de Foz enfrontará ó equipo CD Lugo e ó Real Oviedo CF no campo Martínez Otero este sábado, 10 de agosto, ás 19:00 horas. O artista focense Otero Regal fixo un deseño exclusivo dos trofeos, que se manterá nos vindeiros anos.

Como sinala o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, tanto para el como para o concelleiro de Deportes, Ánxel Paleo, “é unha honra estar presentando novamente o Trofeo Vila de Foz, un partido estival que ten case os seus orixes no Trofeo Conde de Fontao, xa mítico no seu momento, e que vai a enfrontar ós equipos do Club Deportivo Lugo, de Segunda División, e Real Oviedo CF, de Segunda B. A elección destes dous equipos é intencionada sabendo que Foz é un dos destinos para moitos dos lugueses e asturianos afeccionados ó fútbol. Entendemos que son dous equipos que teñen moitos seguidores tamén na nosa localidade, onde hai unha colonia importante de asturianos e seguidores do Oviedo, e onde hai moitos afeccionados do Club Deportivo Lugo, do cal nos sentimos moi orgullosos moitos dos focenses pola campaña que están a facer”.

Unha das novidades desta edición é, segundo anunciou o rexedor, que “os dous trofeos están elaborados polo autor focense Otero Regal, e verdadeiramente eu creo que son unha pequena xoia que de aquí en diante serán os trofeos que se entregarán todos os próximos anos. É unha cerámica preciosa, elaborada expresamente para o Vila de Foz, e sentímonos orgullosos desta novidade. Así, tratamos tamén de promover ós autores da Mariña, ós ceramistas, e de valorar á xente que temos na Costa nese sentido. Sentímonos orgullosos de que sexa de Otero Regal, que precisamente estes días está cunha exposición no CENIMA en Foz e tamén é un colaborador do noso Concello”.

Javier Castiñeira di que esperan contar “con moita presenza de público. As entradas son bastante económicas: 10 euros para os adultos, 5 euros para os rapaces entre 8 e 15 anos e gratuíta para os nenos de ata sete anos. O que nos queremos é que sexa un acto máis do San Lourenzo e que todos aqueles afeccionados do fútbol gocen”. Polo tanto, invita a “todos os veciños de Lugo, afeccionados do Club Deportivo Lugo, e a todos os de Asturias, do Oviedo, a que veñan a gozar do día en Foz e das festas do San Lourenzo e que se despracen ó campo Martínez Otero, no centro da localidade, para ver este derbi entre o Lugo e o Oviedo”.

Castiñeira agradece “a colaboración altruísta dos dous clubs, que verdadeiramente tamén saben dese sentir que hai en Foz e desa boa simpatía por ambos e van facer un esforzo por estar aquí na pretempada cos seus mellores xogadores, celebrando as festas, o próximo sábado ás sete da tarde coincidindo co día de San Lourenzo” e tamén, “por suposto, ó Club Deportivo Foz, que colabora na organización deste evento, e ás directivas e ós presidentes, que están a facer unha labor moi importante. E, dende logo, é un pracer presentar esta nova edición, tanto para min, como alcalde, como para Ánxel Paleo, concelleiro, xa que ámbolos dous xogamos moitos anos no Club Deportivo Foz”.

Exit mobile version