Site icon Crónica3.com A Mariña

O venres día 30 comezan as festas patronais de Ribadeo

Ribadeo, 28 de agosto de 2013. O vindeiro venres dan comezo as festas patronais de Ribadeo 2013. Será co pregón que pronunciará a actriz Estíbaliz Veiga a partires das 20:30 horas no Teatro. A continuación actuará a Coral Polifónica ribadense.

Xa o sábado, 31 de agosto, no recinto da festa situado no aparcadoiro municipal terá lugar a actuación do grupo Samba. O domingo, 1 de setembro, desde as 17 horas haberá actividades infantís no campo da festa e ás 21 horas na rúa San Francisco actuación de Diego Sinmas & Cue Dejota.

Os días 2 e 3 de setembro os nenos e as nenas disfrutarán de infinidade de actividades infantís desde as 17 horas no recinto feiral. E o martes ás 19 horas festa da escuma no Cantón.

O mércores, 4 de setembro, ás 21 horas na praza de Abaixo actuacións dos dj’s Igor e Lele. O programa das festas patronais de Ribadeo 2013 continuará a 5 de setembro cunha flashmob no Cantón a partires das 21 horas e ás 22 horas actuación na rúa Villafranca del Bierzo de Sunday Morning Club e no campo da festa verbena con Panorama e Disco Móvil MM.

O venres, 6 de setembro, ás 21 horas na rúa San Roque actuación de Postergel e no recinto feiral verbena con Tekila e Jerusalén. O día 7, sábado, durante a tarde-noite no Cantón Festival Ribadeo Players 3. Á medianoite tradicional sesión de fogos artificiais no peirao e no campo da festa verbena con Océano e Marbella.

Finalmente o domingo, 8 de setembro, día da Patrona ás 12 haberá misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión acompañada pola Banda Municipal de Música, que a continuación actuará no parque de San Francisco. No recinto da festa sesión vermú, festa e verbena coa orquestra Fénix.

A comisión organizadora dos festexos lembra que nos locais de hostalería, servizos e comercios atópanse á venda ás rifas para colaborar coas festas patronais de Ribadeo. O seu prezo é de 5 euros/papeleta e os que as merquen terán a posibilidade de gañar 2.000 euros. Iso será si os seus números coinciden co premiado no sorteo da ONCE do 13 de setembro. Desde a comisión de festas sinalan que “todo aquel que queira colaborar coas festas patronais de Ribadeo pode adquirir as súas rifas en ducias de locais comerciais, de hostalería e de servizos. Por só 5 euros poden levar 2.000, unha cifra que nos tempos que corren non está nada mal”.

Exit mobile version