Site icon Crónica3.com A Mariña

Ópera, jazz e música de raíz galega o domingo 4 de agosto Eido Dourado da man de Mónica de Nut

Foto Monica de NutBarreiros, 1 de agosto de 2013. O vindeiro domingo, 4 de agosto, nos xardíns do Eido Dourado actuará Mónica de Nut, unha cantautora de ópera, jazz e música de raíz galega.

Segundo comenta o artista barreirense, Celso Dourado, “Mónica de Nut é unha cantautora de opera, jazz, música de raíz e música experimental. Ten experiencia na interpretación teatral e na danza contemporánea, estudou piano e pedagoxía musical, formouse no canto lírico licenciándose na escola superior de Madrid, na música tradicional galega e, por suposto, no jazz. Poderíamos dicir que é unha cantante con experiencias sonoras das vangardas e da interpretación teatral que ten unha especial habilidade para a danza e a expresión corporal. Todo isto o reúne nuns espectáculos que realmente son sorprendentes. Poderíamos dicir que é a aposta máis firme do Eido Dourado pola música de vangarda”.

Como ven sendo habitual, os que queiran asistir so teñen que achegarse ata os xardíns porque a entrada é gratuíta xa que, como explica o promotor destes eventos culturais, “cando concibimos o Eido Dourado sempre pensamos que o que aquí fixésemos tiña que ser en aberto. Polo tanto, a actuación vaise desenrolar este próximo domingo ao solpor, a partir das 22:00 horas, e por suposto, coa entrada libre e gratuíta”.

Por isto, Celso Dourado anima a “todas aquelas persoas que valoren o que son estas innovacións dentro da música de raíz galega a que se acerquen aos xardíns do Eido Dourado porque paga a pena. Realmente esta muller é un espectáculo en si, coa mestura de todas as artes que ela controla fai unhas funcións realmente sorprendentes”.

Mañá, venres, nova queimada proletaria no cámping Gaivota
E mañá, venres, a partires das 23 horas nas terrazas do cámping Gaivota nova queimada proletaria coa actuación dos ribadenses Sempre se fixo.

Exit mobile version