Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concellos de Burela, Cervo e Xove compartirán un obradoiro de emprego co que formarán a 22 desempregad@s

020813 Foto taller empregoBurela, 2 de agosto de 2013. Os Concellos de Burela, Cervo e Xove compartirán un obradoiro de emprego concedido pola Xunta de Galicia co que se formarán 22 desempregados. Así o explicou este venres o alcalde burelao, José María González Barcia, quen prevé que se poña en marcha en outono.

“No día de hoxe foi anunciada aquí, en Burela, a concesión dun obradoiro de emprego por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar Social, para os Concellos de Cervo, Xove e Burela. Este obradoiro de emprego chámase Mares de Burela-Cervo-Xove e vai posibilitar a formación de 22 persoas desempregadas”, manifestou González Barcia.

Para o Concello de Burela “a concesión dun novo obradoiro é motivo de satisfacción por dúas cuestións fundamentais: continuamos coa nosa liña de formación de persoas que están desempregadas para facilitarlles a súa inserción laboral e ademais demostra que a liña de actuación que temos iniciada os Concellos de cara a poder solicitar axudas e subvencións á Xunta de Galicia de forma conxunta para unificar esforzos e o traballo que se está facendo de cara ós cidadáns comeza a dar os seus froitos”.

O alcalde lembrou que o Concello de Burela ten “sobrada experiencia en materia de colaboración e de traballo en conxunto con outros concellos, como por exemplo o caso do consorcio de auga Cervo-Burela-Xunta de Galicia, que permite o abastecemento de auga ós dous concellos e que leva funcionando desde o ano 2005. Por outro lado, recentemente os tres Concellos (Xove, Cervo e Burela) tamén solicitamos e conseguimos unha subvención do INEGA para a mellora do alumeado público. Polo tanto eu creo que estamos na liña correcta e nese sentido vamos continuar traballando. Creo que é bo unificar criterios á hora de traballar conxuntamente, é bo sumar esforzos e ter os mesmos obxectivos porque, en definitiva, somos tres Concellos, que poderían ser outros en calquera outro caso, que estamos atendendo a unha poboación moi similar en canto a segmentos de idade. Tendo en conta a situación económica que estamos vivindo loxicamente temos que procurar sacar o maior rendemento posible ós investimentos que se realizan e tamén ós traballos e ós esforzos que se fan desde os distintos Concellos”.

José María González Barcia prevé que “o obradoiro de emprego probablemente non empezará ata o outono, pero evidentemente nosoutros en canto teñamos xa a resolución da propia Consellería de que está concedido loxicamente empezaremos a traballar para poñelo en marcha dentro dos prazos que a Xunta de Galicia nos indique”.

Exit mobile version