Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Obradoiros con Alma abren as súas portas en Foz

O pasado venres 16 de agosto Javier Castiñeira, alcalde de Foz, inaugurou a exposición colectiva dos Obradoiros con Alma, unha exposición de artesanía na que se recolle unha mostra dos traballos de artesáns da Mariña e que se poderá visitar ata o 30 de agosto no Centro de Interpretación da Mariña Lucense (CENIMA), en Foz.

Esta exposición é unha das actividades que xorden a partir dun grupo de traballo de artesáns participantes no proxecto a Alma da Artesanía, un proxecto enmarcado dentro do Convenio de promoción turística asinado entre a Axencia Galega de Turismo e a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, no que se creou un produto turístico a partir dos obradoiros da artesanía: as Rutas da Artesanía, e do que Castiñeiras dixo que era “ unha forma de valorar unha riqueza que hai na Mariña, como é a actividade tradicional da artesanía, e que vai axudar a promover turisticamente o destino Mariña Lucense”.

Castiñeira destacou tamén o labor do grupo de traballo, como un “exemplo de traballo conxunto, en representación e buscando o beneficio de todo o territorio”.

Nesta exposición poderase coñecer unha mostra dos traballos de coñecidos artesáns da zona, como Pilar Maravalla, bisutería en arxila polimérica (Ribadeo), José Rodil, ferreiro de navallas (A Pontenova), Lucía Catuxo, ceramista (Trabada), Chus Lage, oleira (Mondoñedo), Estéfano Gudín , ceramista (Cervo), Alfonso Otero Regal, ceramista (Viveiro), Asociación Redeiras Cabo Burela, redeiras (Burela), Miguel Fernández , carpinteiro (Mondoñedo), Dosita Cao Basanta, arte floral (Burela), Francisco Fra, carpinteiro de Ribeira (San Cibrao), Félix Paz, torneiro de madeira (Alfoz), Mª Luz Méndez, encaixes de Bolillos (San Cibrao), Regina Lorences, restauradora (Mondoñedo) e Miriam Viveiro, ceramista (Viveiro).

Exit mobile version