Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo, sorprendidos de que o goberno se sinta tan aludido, esixen que se respondan todas as reclamacións para que non haxa dúbidas

CERVO, 14 DE AGOSTO. Os socialistas de Cervo lamentan que o goberno de Cervo se sinta aludido tralas nosas sospeitas, “só quixemos transmitir o noso pensar ó ver a cantidade de reclamacións rexistradas no Concello”.

Ademais de saírse pola tanxente, como adoita ser habitual nas súas contestacións, responden con mentiras pois “deberían de saber de sobra que non son precisamente dúas as queixas recibidas polo Concello. Esiximos que atendan todas e cada unha delas xa que o máis importante é preservar o dereito á información dos aspirantes ás prazas”.

Neste senso, insisten en que “por favor o equipo de goberno se poña a traballar, que cobrar cobran todos, que atendan ás reclamacións existentes que son bastantes máis das que eles din, téñenas á súa disposición no rexistro xeral, que o miren”.

Os socialistas subliñan que “é unha mágoa que tódolos procesos selectivos neste concello se caractericen pola falta de transparencia, os únicos prexudicados acaban sendo tamén os seleccionados porque sempre sembran a dúbida de se foron escollidos os mellores, os máis profesionais ou os que lle conviñan ó PP de Cervo”.

Rematan lembrando que “se o equipo de goberno basea a súa labor en arremeter contra a oposición, quen perde, coma sempre son os veciños cervenses, mentres se preocupan do que nós estamos a facer, a ausencia de xestión é total e absoluta. Se se interesasen por aclarar o tema canto antes en lugar de apurarse tanto en saír nos medios, seguro que nos iría moito mellor a todos”.

Exit mobile version