Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas solicitan coñecer os acordos entre concello e madeireiras para que cumpran o seu compromiso cos camiños danados pola actividade

CERVO, 19 DE AGOSTO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo veñen de rexistrar unha solicitude no Concello para coñecer de primeira man os acordos acadados na reunión mantida a semana pasada entre o alcalde, Alfonso Villares, e representantes das empresas madeireiras que traballan no municipio, “esta mañá solicitamos que o equipo de goberno nos permita saber as conclusións ás que chegaron neste encontro”.

Estas empresas utilizan para o seu beneficio os camiños de titularidade pública, “estamos totalmente de acordo en que se comprometan a facerse cargo da reparación e arranxo das vías que resultaron danadas polo seu traballo. É importante que ambas partes amosen unha boa actitude xa que falamos dunha actividade con peso na nosa economía”.

De todas formas, os socialistas agardan que a xuntanza sexa fructífera, “non valerá de nada se as medidas acordadas non se fan efectivas”. Lembraron que “non sería a primeira vez que non vemos os resultados prometidos. O señor Villares, máis ou menos cada dous anos, fai esta mesma manobra de anunciar un acordo coas madeireiras. Se recollemos as súas propias palabras, no 2009 aludía ó obxecto de garantir o bo uso dos servizos e accesos de titularidade municipal no proceso dos aproveitamentos forestais do monte e garantir en todo momento a súa correcta conservación, no 2011 repetía que co convenio se garantía a conservación e o bo uso das vías, servizos e accesos de titularidade municipal no proceso dos aproveitamentos forestais do monte e a día de hoxe, volvemos a ler o mesmo. Moi boas palabras que sempre caen en saco roto porque non se fai nunca nada do que se acorda e se non que lle pregunten ós veciños a súa opinión”.

Engaden que “queremos saber as medidas que se van a tomar para esixir que se leven a cabo. Queda moi ben reunirse e sacar a foto pero o máis importante é ver os resultados”.

Exit mobile version