Barreiros, 8 de agosto de 2013. Os xardíns do Eido Dourado acollerán o próximo domingo, día 11 de agosto, ás 22:00 horas, a actuación de Tino Baz, cantautor guardés que mestura pezas populares con poesía galega.
Ademais da súa voz, aclara Dourado, Tino Baz “nos seus concertos utiliza como instrumentos de acompañamento a zanfona, a gaita e a percusión. Ten un grande número de colaboracións con grupos como Treixadura, Leilía, Quempallou, A Quenlla, Miro Casabella ou outros. E hai que destacar as súas andainas pola illa caribeña de Cuba ou polo país veciño de Portugal, en tributos ao grande cantautor luso Zeca Afonso. Tino é un grande defensor da lingua nai da patria facendo do galego a súa bandeira. Eu gozo da súa amizade e por iso vai estar aquí, e inda que xa estivo no 2012 na apertura e no encontro do Eido Dourado, este vai ser o primeiro concerto que dea como tal na Mariña. Realmente é a grande voz renovadora do canto galego, que versiona a poetas. Para min realmente é unha ledicia poder contar con Tino e espero que as persoas que senten dalgunha maneira o noso país ou aqueles que simplemente sexan admiradores do bo facer dentro do que é o canto de cantautor, se acheguen ó Eido Dourado para gozar dunha velada con este verdadeiro exemplo da música do noso país”.
O artista barreirense sinala tamén que, como todas as actuacións dominicais que están a facer no Eido Dourado, e xa que coida que “a cultura sempre debe ser en aberto, o concerto vai ser totalmente gratuíto”.