Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias confirma que a Maruxaina terá subvención da Xunta

Cervo, 27 de agosto de 2013.- A festa da Maruxaina de Cervo terá subvención da Xunta de Galicia unha vez que o concello subsane o erro cometido na presentación da solicitude e do que foi advertido por parte da Axencia Turismo de Galicia. É, polo tanto, rotundamente falso todo canto ao respecto do expediente afirma a vicepresidenta da Deputación de Lugo.

Así o confirmou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, lamentando unha vez máis que a Deputación “desperdicie tanto tempo urdindo mentiras para tratar de desacreditar á Xunta en vez de dedicalo a traballar en favor dos veciños e veciñas de Lugo”.

Lara Méndez, sinala a delegada, “si que é un exemplo da mala xestión da Deputación”, xa que “inventa e especula para tratar de ocultar o seu fracaso electoral en Cervo e a falta de iniciativa da Deputación Provincial”.

Arias acusa á vicepresidenta de “neglixencia e claro desinterese”, xa que “con só ler a orde de convocatoria sabería que o procedemento destas axudas segue aberto e que non son de concorrencia competitiva”, polo que se concederán a todos os solicitantes.

Así, confirma que os concellos teñen de prazo ata o 30 de outubro para presentar as solicitudes de subvención para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, convocadas pola Axencia Turismo de Galicia. “A medida que se van recibindo, requírese a subsanación de erros ou a achega da documentación necesaria, como en todos os procedementos administrativos”, explica Arias.

A delegada territorial insta aos responsables da Deputación Provincial de Lugo a “restar dedicación á campaña electoral de Besteiro e abreviar as campañas de difamación contra a Xunta, que levan unha semana mentindo co tema das festas”. Deste xeito, engade, “quizá atoparían tempo e forzas para poñerse a traballar”.

Exit mobile version