Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación achegou 460.000 euros para máis de 50 melloras nas dotacións públicas do rural nos Concellos da Mariña

obras_MariñaA Deputación financiou máis de 50 melloras nas dotacións públicas municipais de zonas rurais da totalidade dos Concellos da Mariña con 460.000 euros. Autónomos e pequenas empresas lucenses executaron estas actuacións, que veñen de rematarse e que se enmarcaron no Plan de Comunidades Veciñais da institución. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, salientou que “con esta programación permitimos a execución de traballos que non asumen outras administracións, nin a Xunta nin o Goberno Central, aforrando cartos ás entidades locais; melloramos os servizos ós veciños do rural, reivindicando a vida no campo e facendo fronte ó despoboamento demográfico; ó tempo que mantemos postos de emprego na provincia, xa que son profesionais lucenses quen realizan estas obras”.

Con cargo a este plan, acondicionáronse instalacións deportivas en Burela, melloráronse accesos en varias parroquias de Foz e Ourol, arranxáronse traídas de auga en Lourenzá, A Pontenova ou Trabada, adecentáronse prestacións que estaban en desuso, como fontes públicas en O Vicedo e Viveiro, ou ata se dotou de alumeado público a núcleos rurais, como é o caso de Catarou en Viveiro.

Ademais destas obras que xa están executadas, a Deputación mantén aberta esta vía de colaboración cos veciños para mellorar a calidade de vida no rural, investindo outros 2 millóns de euros en toda a provincia. Este mesmo ano, a institución provincial financiará na Mariña outras 47 actuacións nas que de novo se verán beneficiados tódolos Concellos da comarca e que suman un orzamento total de 400.000 euros.

Exit mobile version