Site icon Crónica3.com A Mariña

Rinlo rende culto ao percebe o sábado 10 de agosto na X Festa do Percebe

070813 Foto festa percebe 1Ribadeo, 7 de agosto de 2013. Rinlo acollerá a X Festa do Percebe o vindeiro sábado, 10 de agosto, que organizan a Agrupación de Mariscadores e Percebeiras da confraría de pescadores de Ribadeo e o Concello.

O alcalde, Fernando Suárez, recoñeceu “o duro e perigoso traballo que realizan as percebeiras para extraer este manxar que ten tanta aceptación”. O rexedor amosouse convencido de que “este será un ano máis de troula e de festa aquí en Rinlo. Milleiros de persoas se achegarán a degustar os centos de quilos de percebes que se poñen á venda e que afortunadamente sempre se acaban vendendo todos”.

Suárez Barcia agarda que o tempo acompañe, “pero sabemos que este evento, que inventamos hai dez anos e que agora está perfectamente consolidado para Rinlo como parroquia ribadense, é unha referencia obrigada á que queremos convidar aos veciños, aos amigos e aos visitantes tanto da Mariña como do Occidente asturiano para que veñan ao longo do sábado aquí a Rinlo. A partires das 12 do mediodía comezarán a venderse as racións de percebes ata a noitiña. Aquí tamén haberá gaitas, música e unha serie de actividades para pasar un día fenomenal coa familia e cos amigos en Rinlo”.

Na carpa instalada no porto poñeranse á venda arredor de 600 quilos de percebes. O prezo da ración de 250 gramos será de 12 euros. A maiores están os bares e os restaurantes de Rinlo que tamén despacharán este produto.

Exit mobile version