Site icon Crónica3.com A Mariña

Sabe o alcalde… As verdades sobre o traballo do Grupo Municipal do PP de Ribadeo e a Praia de As Catedrais

O grupo municipal do PP espuxo estes días á opinión pública o resumo do seu traballo e aportacións de forma correcta e positiva sobre un tema de capital importancia para Ribadeo. Dado que en algún punto esta opinión e traballo non coincide coa do alcalde, a reacción non se fai esperar e publica anoxado e insultante unha carta pública na que arremete contra nós, e na que insulta o noso quefacer con supostas pleitesías de partido. Ante a explosión de enoxo, recriminacións e inexactitudes coa que o alcalde acolleu a nosa opinión queremos lembrarlle o que xa sabe e non dice sobre a nosa postura, ou que xa sabe pero non nos recoñece:

Sabe moi ben o alcalde de Ribadeo e o resto do equipo de goberno da boa disposición, racionalidade e actitude positiva e dialogante deste grupo municipal, non só sobre este tema senón sobre outros capitais para o noso concello (PXOM, accesibilidade, residencia para a terceira idade,…) e sabe tamén o alcalde de Ribadeo que son varios os temas que nos unen e nos que coincidimos aínda en contra de posibles intereses de partido, que nunca foron argumento válido de por sí para nós.

Sabe moi ben o alcalde de Ribadeo que desde setembro de 2011 agarda tempo plenario unha moción presentada por este grupo para a CREACIÓN NA VELLA FÁBRICA DE ALGAS DA VILAVELLA DUN CENTRO DE RECURSOS AMBIENTAIS (CRA) E PARA DOTAR A PRAIA DE AS CATEDRAIS E O SEU CONTORNO DUN PLAN DE ACTUACIÓN. E xa desde ese entón están perfilados alí os argumentos expostos estes días.

Sabe moi ben o alcalde de Ribadeo que na xuntanza de portavoces (única reunión feita sobre este tema) este grupo municipal non só amosou o seu apoio incondicional e unánime senón que presentou un proxecto profundo e realista, meticuloso e coidado que ten en conta a situación pasada e presente do contorno de As Catedrais e que non tivo nin comentario nin crítica ningunha por parte do equipo de goberno.

Sabe moi ben que nunca este grupo fixo declaracións públicas en contra de ningunha actuación que o alcalde pensara ou fixera sobre ese contorno ou nese contorno, xa fora televisión, radio, fotografías ou videos particulares. A nosa actitude foi, polo tanto, contraria á súa que desde fai meses está a facer unha campaña mediática para disparar contra a Xunta de Galicia en cada ocasión que se lle presenta (ou que fabrica de seu periodicamente) sinalándoa como única responsable da situación cando sabe tamén que non o é.

Sabe tamén que estivemos o 14 de febreiro deste ano na xuntanza coa directora de Natureza, Biodiversidade e Usos da Terra da Comisaría de Medio Ambiente da Unión Europea, Pia Bucella, e que alí mesmo e publicamente espuxemos, defendimos e lembramos o noso compromiso co patrimonio ribadense e co contorno concreto de As Catedrais (non puidemos facelo na reunión seguinte xa que non fomos invitados), pese a que organizaron este cónclave desde o BNG e non desde o concello, politizando o tema e tentando excluír ó resto de grupos.

Sabe ben, por suposto, que os técnicos (incluída a propia Pia Bucella) recomendan unha análise exhaustiva da situación cara á elección da fórmula de protección máis axeitada e un traballo sereno e a medio prazo e que a posición do noso grupo foi, nesa liña, a de traballar cos técnicos e reunirse os grupos e os representantes de tódalas institucións periódicamente para acadar un traballo profundo, xustificado e consensuado.

Sabe tamén o alcalde de Ribadeo que, neste tema coma noutros, este grupo municipal lamenta que non haxa o eco debido, rápido e satisfactorio das institucións públicas e seguirá intentando que as nosas queixas e as nosas realidades sexan escoitadas e solventadas desde instancias superiores e máis axeitadas. Pero o que non debe decir ninguén, sen caer na mentira ou na demagoxia, é que non levamos dado pasos contra vento e marea desde o comezo da nosa andaina para intentar atopar unha solución conxunta a un dos nosos emblemas naturais…

Independentemente das siglas de cada partido e incluso de cada un, o traballo e as aportacións deberán ser criticadas desde os propios argumentos, se valen, de non valer, tanto dá que os diga o alcalde ou a oposición. A estas alturas enarbolar o grito de guerra de que si son dos contrarios ou dos nosos resulta cando menos patético, aínda que funcione. Seguiremos esixindo a tódalas institucións públicas do perfil político que sexan, que se respecten os nosos dereitos e as nosas xustas reivindicacións, e estaremos do lado dos intereses de Ribadeo, criticando ou apoiando aquelo que honradamente consideremos positivo para a nosa comunidade.

Se sabendo todo esto alguén se manifesta, acusa e arremete contra nós e o noso traballo como grupo municipal no tema da Praia das Catedrais, está faltando á verdade.

Grupo Municipal Partido Popular de Ribadeo

Exit mobile version