Site icon Crónica3.com A Mariña

Sempre Foz presenta a programación das festas do San Lourenzo que se celebrarán do 8 ó 11 de agosto

PRESENTACIÓN SAN LOURENZO 1Foz, 2 de agosto de 2013. Este venres presentáronse en Foz as festas do San Lourenzo, de interese turístico autonómico, que durarán do xoves 8 ata o domingo 11 de agosto. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, agradece os esforzo da organización, a asociación Sempre Foz, e destaca o programa de actividades que elaboraron.

O rexedor municipal salientou “a coordinación coa comisión de festas Sempre Foz, con este grupo de emprendedores sociais, que está facendo un traballo importantísimo nun momento complexo. A verdade é que afrontar unhas festas do tipo do San Lourenzo cuns orzamentos que superan case os 30.000 euros coa axuda, evidentemente, do propio Concello é importante. Tamén hai que agradecer a aqueles empresarios e comerciantes que están colaborando no financiamento desta festa tan importante que marca o verán de Foz. A comisión sacou un cartel precioso e interesantísimo nun momento difícil”.

As festas, como sinala Javier Castieñeira, “teñen o seu acto máis importante, como todos os anos, na sesión pirotécnica que vai ter lugar a noite do sábado para o domingo, á unha da madrugada”. Pero xa darán comezo o xoves coa lectura do pregón por parte de Carlos González Reigosa, que “é un periodista que comezou a súa carreira na Voz de Galicia, da que foi redactor,e logo estivo na axencia EFE e en multitude de medios. Aparte publicou varios libros e relatos e é unha persoa que ten unha vinculación importante con Foz, que o quere e promove. Polo tanto, estamos moi contentos de que Carlos González Reigosa sexa o pregoeiro das festas do San Lourenzo”.

Castiñeira invita “a todo o mundo a que a fin de semana do 8 ó 11 de agosto pase por Foz. Teremos, aparte das actividades lúdicas, outras deportivas como o trofeo de fútbol Villa de Foz entre o Lugo e o Oviedo, que será o sábado. Eu creo que son unhas festas do San Lourenzo cargadas de actos, como merece un pobo turístico coma Foz. Vai aí novamente o meu agradecemento a todo este grupo de xente que está traballando para que as festas do pobo saian adiante, neste caso, á asociación Sempre Foz, que está facendo un esforzo moi grande”.

Exit mobile version