Site icon Crónica3.com A Mariña

Silvia Murias con Héctor Peña e Karma Dharma, o domingo no Eido Dourado pechando os espectáculos do verán

KARMA DHARMA PROJECTBarreiros, 15 de agosto de 2013. O último espectáculo do verán de 2013 no Eido Dourado será o próximo domingo, 18 de agosto, nos seus xardíns ás 22:00 horas. Consistirá nun dobre evento que terá como protagonistas á ribadense Silvia Murias, co baixista Héctor Peña, e a Chus, co seu proxecto Karma Dharma.

Sobre as dez da noitiña, segundo explica o promotor destes eventos, Celso Dourado, “comezará un dobre evento: por un lado, recitará poesía a gran poeta ribadense Silvia Murias acompañada polo baixista Héctor Peña e, por outro, gozaremos dun recital de sitar hindú, algo realmente novidoso que moi poucas veces podemos ter ocasión de gozar e que se enmarca dentro do proxecto Karma Dharma”. Chus, que é o artista que se encontra detrás desta idea, “é un verdadeiro virtuoso do sitar hindú. Queríamos rematar este periplo de eventos no Eido Dourado con algo realmente novo e que chegara. Sempre procuramos incluír a poesía e neste caso, como non, a min o proxecto de Silvia Murias acompañada do baixo me parece moi interesante. E, por outro lado, quería ofrecer, xa que era o último, algo que non fora habitual, de aí que buscaramos un proxecto que ten como base o sitar hindú e que se chama Karma Dharma. Esa combinación penso que vai quedar moi ben e, se o tempo nos axuda, coa iluminación do propio xardín será unha gozada”.
Será, sinala Dourado, “en aberto, como solemos facer no Eido Dourado, e por suposto, a entrada será gratuíta, ata completar aforo, cunha media de unhas 200 persoas”.

No cámping gaivota estará Son do Galpon
A quenda para o cámping Gaivota será mañá venres, día 16 de agosto. Segundo di o artista barreirense Celso Dourado, “cociñaranos a queimada proletaria, tamén case das últimas, un grupo santiagués moi coñecido, Son do Galpon, que ten unha corta traxectoria pero moi intensa e que acadou como banda o segundo posto no certame Galicia Crea no ano 2007 e no 2008 foron gañadores do Festival Fundación RIE, un festival tremendamente importante. É un grupo que combina o hip-hop co reggae e adoitan ofertar uns espectáculos marabillosos. Quixemos agrupar todo isto esta ponte porque é cando maior xente hai, por iso facemos estes dous eventos deste calibre”.

A actuación comezará, aclara Dourado, “ás 23:00 horas da noite, que é cando empezamos a queimar. Apagamos sempre as luces para que a queimada colla toda a súa viveza, iluminada so con velas e despois, unha vez se inicia a queima da augardente, entramos no que é o concerto en si. A entrada tamén é libre e, por suposto, gratuíta”.

Exit mobile version