Site icon Crónica3.com A Mariña

Sorprendente acollida das actividades desenvolvidas dende o Eido Dourado no verán, según o seu organizador

280813 Foto sitar hindúBarreiros, 28 de agosto de 2013. As actividades culturais desenvolvidas no Eido Dourado, segundo conta o seu organizador, Celso Dourado, tiveron unha acollida realmente sorprendente. O máis abraiante para asistentes e artistas era que os concertos fosen gratuítos e sen axudas públicas.

Como explica o artista barreirense Celso Dourado, “nunha primeira concepción, cando eu abrín o Eido Dourado, tiña claras varias premisas. Unha delas era que non tiña que ser un museo morto onde se expuxera unha obra pictórica, tiña que ser algo vivo. As pinturas renóvanse todos os anos nunha porcentaxe importante e hai unha serie de actividades que programamos en torno ó que é o propio Eido Dourado. Na entrada sempre dicimos que é un espazo para a arte e para os sentidos”.
As actividades máis importantes que alberga o Eido Dourado durante o verán son os concertos: “nos que buscamos un tipo de música de autor, renovadora e non habitual. Este ano fixemos catro concertos, o quinto non se puido celebrar, que era o de Sumrrá, que o vamos programar para o vindeiro ano, pero o resto deles si que se celebraron nun ambiente marabilloso, onde combinamos o que é a propia arquitectura coa paisaxe e coa música. Por aquí pasaron este ano renovadores da música como Mónica de Nut, que fai un tipo de música tremendamente vangardista; o gran Tino Baz, que está chamado a ser un referente da música de autor en Galicia; ou o último concerto desta tempada que consistiu nun recital de poesía a cargo de Silvia Murias e outro de sitar hindú, que realmente foi unha marabilla”.

Como balance destas actividades desenvolvidas ó longo do verán nos xardíns do Eido Dourado, o artista di que “a acollida realmente foi sorprendente, preto sempre de 200 persoas. Acudía xente de todas as partes da Mariña e, sobre todo, xente que está por aquí pola zona. Sorprendía como nun espazo tan singular podían ter acceso a un tipo de música absolutamente gratuíta. Era o que máis lles sorprendía, que non houbera que pagar nada para escoitar este tipo de músicas nun entorno determinado. Consideramos, como sempre dixen, que a cultura debe ser en aberto, sempre que se poida, e, como non, que un pobo culto sempre será un pouquiño máis libre. De aí que nos esforzamos os que estamos detrás do Eido Dourado porque así sexa”.

O organizador, que realiza esta programación cultural sen axudas públicas, dixo que “isto é realmente difícil e hai que ser unha persoa tremendamente desprendida para que, aqueles ingresos que a un lle veñen, os poida dedicar a facer unha programación cultural. O Eido Dourado sempre pelexou por non facer unha programación presebrista, sexa dun partido ou doutro, e gozar da máis absoluta liberdade á hora de facelas. Os propios intervenientes, os propios autores que actuaron no Eido se sorprendían desto, pero ao mesmo tempo de sorprenderse agradecíano porque, como ben sabedes, as axudas públicas á cultura practicamente están nunha especie de limbo, de deserto difícil de reactivar polo que, dalgunha maneira, que haxa iniciativas particulares é moi valorado polos artistas, tremendamente valorado me atrevo a dicir”.

Exit mobile version