Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres novos cursos de informática no CeMIT de Burela

Burela, 27 de agosto de 2013. O vindeiro luns, 2 de setembro, comezarán tres cursos de informática na aula da Rede CeMIT, a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, impartidos polo Concello de Burela a través da Delegación de Educación.

O primeiro deles será un curso de Mecanografía para adultos, que será impartido de 10:00 a 11:00 horas e rematará o venres 27 do mesmo mes. Con esta actividade ensinaráselles aos asistentes a situar as mans no teclado para escribir de forma correcta, a memorizar a situación das teclas empregando o programa libre Klavaro e a sentarse correctamente para non sufrir lesións.

O segundo e o terceiro curso serán de Iniciación ao Procesador de Texto, nos que se ensinará aos participantes a dar os seus primeiros pasos co procesador de texto Libreoffice Writer. Estes cursos están dirixido a persoas con coñecementos básicos de informática. O primeiro deles será impartido de 11:00 a 12:30 horas e rematará o venres 13 e o segundo será impartido polas tardes, de 16:00 a 17:00 horas, e concluirá o mércores 25 de setembro.
Para inscribirse ou solicitar máis información, os interesados poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela, sita na Casa da Xuventude, Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web http://cemi.xunta.es/ ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.burela@xunta.es

Recórdase aos usuarios que poderán facer uso libre dos equipos e da internet da aula en horario de mañá de 12:30 a 14:00 horas e de tarde de 17:00 a 19:30 horas.

Exit mobile version