Site icon Crónica3.com A Mariña

Un alcalde indigno

Jesús López Penabad.- Ao longo desta lexislatura, pero de xeito especial nas últimas datas, Fernando Suárez Barcia ten amosado como unha responsabilidade tan importante como a alcaldía de Ribadeo quédalle grande. Enorme desde o punto de vista político, e tamén enorme desde o punto de vista dos valores éticos que se presume debería ter unha persoa con este posto.

É inadmisible que cando desde o Partido Popular esiximos explicacións ante unha flagrante irregularidade que afecta a un dos seus concelleiros e que podería implicar e amparar o uso fraudulento de fondos públicos provinciais, Suárez Barcia evite calquera explicación e, o que é máis grave, véxase abocado a recorrer ao ataque persoal para defender un tema político.

Este señor ten un grave problema se pensa que mofarse da situación de desempregado dun veciño, neste caso da miña persoa, é unha táctica útil. Nun país no que por desgraza miles de familias están en paro, facer unha burla deste feito e inmoral, inhumano e descualifica a quen así actúa, pero sobre todo, non sirve para desviar a atención sobre o que de verdade importa e os veciños teñen dereito a saber.

Suárez Barcía pode recorrer ao insulto e aos desvaríos dialécticos máis viles e desproporcionados pero isto non lle evitará ter que explicar a situación de Vicente Castro e a súa posición de privilexio a soldo da Vicepresidencia da Deputación pero, como é público e notorio, que traballaba en exclusiva como concelleiro en Ribadeo. O único que fixo é demostrar que este é un problema que lles doe, como indigna a aqueles que observamos como o BNG emprega a Deputación como cortixo particular.

Xa non por min, senón tamén polo posto que ocupa, Suárez Barcía debería ter máis respecto fronte aos que temos a responsabilidade da oposición pero sobre todo fronte ao conxunto dos ribadenses aos que ten que dar respostas, sen agocharse e sen máis demora. Ribadeo non se merece un alcalde indigno desde o punto de vista político e que recorre aos excesos morais e moito menos un rexedor que, movido pola soberbia política, cando ten que dar a cara e explicarse encima se esconde.

Jesús López Penabad
Presidente do PP de Ribadeo

Exit mobile version