Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 15 desempregados participan no curso de atención sociosanitaria en institucións que financia a Xunta en Cervo

curso_atencionCervo, 31 de agosto de 2013- Esta mesma semana arrincou en Cervo un curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais no que participan 15 persoas, a maior parte delas en situación de desemprego, e que inclúe formación neste campo durante 478 horas, de forma que se prolongará ata o mes de novembro.

Unha acción que se está desenvolvendo na antiga escola obradoiro de Cervo, no que durante máis de dez anos o Forem estivo impartindo numerosas iniciativas formativas. Despois da marcha desta fundación de CCOO, o Concello estivo traballando para recuperar o uso formativo deste centro, de forma que ese obxectivo vese cumprido co inicio deste curso.

“Consideramos imprescindible seguir aproveitando este edificio para contribuír á formación mantendo a vocación e o uso que teñen dende hai moitos anos as instalacións da antiga escola obradoiro” explica a edil de Emprego, Yolanda Pedreira.

En canto aos contidos do curso, van dirixidos a preparar e apoiar a atención ás persoas e ao seu entorno no ámbito institucional, así como a formar na atención hixiénico-alimentaria, sociosanitaria e psicosocial. Unhas capacidades das que se busca dotar ao alumnado a través de clases teóricas así como actividades prácticas nas aulas e prácticas profesionais en centros de xeriatría.

Cabe destacar que ao remate da acción formativa os participantes que completen todo o curso obterán o certificado de profesionalidade, que acredita as competencias profesionais dunha persoa para o desenvolvemento dunha actividade laboral.

Este curso é posible a través dunha subvención da Xunta, que financia os gastos derivados desta acción ao 100%. Así, por unha banda achega uns 33.500 euros para o desenvolvemento do curso e ao mesmo tempo ofrece axudas económicas de apoio ao alumnado desempregado.

Con este son xa dous os cursos formativos que se están impartindo en Cervo con financiamento da Xunta e co fin de “facilitar formación a persoas prioritariamente sen traballo nas áreas e sectores máis demandados no mercado laboral” explica Pedreira. Xunto con este que acaba de comezar, estase desenvolvendo outro curso de auxiliar de enfermería en xeriatría no Ecomuseo no que participan tamén 15 persoas. Deste xeito, un total de 30 persoas adquiren competencias na familia profesional dos servizo sociais no municipio cervense.

Exit mobile version