Site icon Crónica3.com A Mariña

Unifoz denuncia o abandono e deixadez do equipo de goberno municipal en materia de alumeado público

Unifoz denuncia “unha vez máis a incompetencia deste goberno do PP de Foz”. Neste caso. en materia de alumeado público. Así, “mentres noutros concellos se suman a plans de aforro enerxético financiados pola Deputación e sen custo para os mesmos, o Sr alcalde nin se preocupa do tema”, critica o portavoz de Unifoz, Jaime Cancio.
“Despois de contratar innecesariamente con cargo ao presuposto municipal unha auditoría enerxética, agora resulta que nin caso lle fai”, segundo explican dende Unifoz.

“O contrato de mantemento de alumeado público fai máis dun ano que está caducado e, por conseguinte, en situación de ilegalidade”, advirten. E tamén engaden que “pon como desculpa que está sen servizo de secretaría e, o que é peor, existe un abandono das instalacións, tanto en canto ao seu funcionamento como a seguridade das mesmas, co conseguinte perigo para os veciños”.

“O servizo de alumeado público para os veciños é totalmente deficitario, e para comprobalo, solo é necesario pasear un pouco polo pobo, por exemplo na rúa Mariñeiro Chila, de cinco farolas so funcionan tres, co conseguinte prexuízo para os veciños e hostaleiros”, argumentan.

Ante tal situación, Unifoz pídelle ao sr alcalde que “na época estival proceda a acender todo o alumeado en horas punta de afluencia de xente, pois a imaxe que estamos ofrecendo do pobo non parece sexa a axeitada para un Pobo que ten que ser referente turístico”.

Así mesmo, piden que “se solicite asesoramento xurídico gratuíto da Deputación para poder sacar a concurso o contrato de mantemento de alumeado público e outros mentres o Concello non dispoña de persoal técnico de secretaría”.

Exit mobile version