Site icon Crónica3.com A Mariña

Xove celebra o San Bartolo e a Virxe do Carme entre o 23 e o 26 de agosto

PRESENTACIÓN PROGRAMA FESTAS XOVE 2013O Concello de Xove presentou este martes ás 12:00 horas no Salón de Plenos o Programa das FESTAS PATRONAIS DO SAN BARTOLO 2013, acto no que estiveron presentes o alcalde, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, Dolores Meitín.

As actividades comezarán o venres 23 de agosto, día do Neno, ás 10.00 horas con talleres de manualidades e reciclaxe para nenos de 4 a 12 anos na Aula de Formación, da man da Mancomunidade de Concellos da Mariña. É preciso inscribirse con antelación no teléfono 982 592 001.

Ás catro da tarde, co programa LER CONTA MOITO, da Consellería de Cultura e Educación, os nenos e nenas poderán desfrutar unha sesión de maxia Chrystyan Magic na Senda da Serpe Alada que se desenvolverá no salón de actos do Centro Cívico.

E ás cinco da tarde, na praza do Concello, parque infantil DIVERNENO, que se celebrará no pavillón municipal no caso de que chova.

O sábado 24 de agosto celebrarase a festa na honra a San Bartolo e á Virxe do Carme. Banda TAU de Viveiro ofrecerán pasarrúas polas mañás e á unha do mediodía celebrarase a misa solemne coa participación da Orquestra Clásica de Xove. Xa a partir das dúas a orquestra Capricho ofrecerá unha sesión vermú e repetirá ás dez da noite acompañando á orquestra Sintonía de Vigo na verbena.

O luns 26 de agosto, festivo local, dende as 10.00 ás 13.00 horas e das 17.00 ás 21.00 horas, SOGAMA ofrecerá un xogo de reciclaxe dentro dunha carpa na praza do Centro Cívico. Trátase dunha campaña de información e concienciación sobre a recollida selectiva e a reciclaxe en concellos galegos coa finalidade de reducir os impropios.

E ás doce do mediodía, dentro do programa FalaRedes da Consellería de Cultura e Educación, Uxía ofrecerá un concerto no Salón de Actos do Centro Cívico coa compaña de Sergio Tannus. “Rosalía pequeniña” pretende achegar aos nenos e nenas a obra de Rosalía de Castro no 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

Exposicións
Ademais, poderanse visitar dúas exposicións. “Xove 360º – Éche así!” é unha exposición fotográfica que permanecerá aberta do 14 de agosto ao 6 de setembro no Centro Cívico en horario de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 22.00 horas. Así mesmo, “Coas nosas mans VI” poderase visitar na sala da Oficina de Turismo do 22 ao 31 de agosto.

Dende o Concello solicitan a colaboración dos veciños para unha exposición que se pretende organizar con motivo das festas do vindeiro ano. Así, agradecen aos veciños que poidan achegar fotografías antigas do Concello.

Exit mobile version