O grupo musical Escolma de Meus naceu en Viveiro fai case dez anos e está formado por xente procedente de célebres orquestras da zona como Variedades, Os Píndaros ou Los Dominantes. Un grupo de voces acompañadas pola guitarra, o baixo, o violín e a percusión, que conta cun amplo repertorio de cancións.
O disco presentado hoxe recolle 14 deses temas, 8 en galego e 5 en castelán, entre os que se atopan habaneras e boleros, así como cancións tradicionais galegas que fan referencia á cidade de Viveiro e os seus arredores.
Durante a súa intervención, Antonio Veiga destacou “a tradición musical que sempre existiu en Viveiro, así como noutros puntos da comarca como é o caso de O Valadouro, que vén de celebrar unha homenaxe aos seus músicos coa publicación do libro Lembranzas Musicais do Valadouro” e agradeceu “o labor desenvolto polo grupo Escolma de Meus de cara á recuperación da tradición musical co que contribúe á súa presenza no panorama actual”.
“Iniciativas coma a levada a cabo polo grupo Escolma de Meus son necesarias de cara a posta en valor do noso patrimonio inmaterial e para a promoción da nosa lingua, para que temas como o himno popular de Viveiro, ‘Catro vellos mariñeiros’ se coñezan e se transmitan de xeración en xeración” concluíu o vicepresidente da Deputación.
Este é o segundo traballo para este grupo de amigos que se dedica á música por afección e sen ánimo de lucro, precedido polo disco ‘Rego de Sidro’, editado no 2005.