Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Xubilados Terramar presenta o cartel da festa na honra a San Ciprián

festa_sanciprianA Asociación de Xubilados Terramar organiza unha festa na honra de San Ciprián que se celebrará o día de San Ciprián, o 26 de setembro, que inclúe actos relixiosos, unha comida de confraternidade e baile. O presidente da entidade, Antonio López, presentou o cartel e o programa xunto ao presidente da asociación Anxuela, José Ramón Soto, entidade que colabora nesta festividade, ao igual que o Concello de Cervo.

En concreto, os actos comezarán ás 13:00 horas cunha misa solemne na capela do Porto de Arriba na honra a San Ciprián, cantada pola Coral Terramar. Ao remate arrincará a sesión vermú amenizada polo Trío Vivarium no salón de actos da Casa do Mar. Os eventos continuarán ás 14:30 horas cun xantar de confraternidade nos restaurantes Buenavista e Noso Lar, na que terán prioridade os asociados da entidade e acompañantes aínda que, se quedan prazas libres, tamén poderán acudir os non socios. Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, será o momento da verbena no salón de actos da Casa do Mar, tamén co Trío Vivarium.

Uns actos para festexar o día do patrón da vila que a Asociación de Xubilados Terramar vén organizando nos últimos dez anos. “Esta é unha festa con moita tradición e na que compartimos un día de actividade e confraternidade ao tempo que celebramos o día de San Ciprián” explica o presidente da entidade. Pola súa banda, o presidente de Anxuela asegura que “queriamos colaborar con esta celebración pola súa labor de socialización e de encontro”.

Antonio López leva 17 anos á fronte da entidade, na que hai rexistrados uns 500 socios e que organiza multitude de actividades ao longo do ano como excursión e saídas, comidas ou bailes entre outras moitas.

Exit mobile version