Burela, 9 de setembro de 2013. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta, Rede CeMIT, acollerá dous novos cursos impartidos polos Concello de Burela a partires do vindeiro 16 de setembro.
O primeiro deles será unha continuación ao de Iniciación ao procesador de texto 2, e no que se seguirá coa ensinanza sobre tarefas máis avanzadas no Libreoffice writer. Dito curso está dirixido a persoas con coñecementos básicos de informática e de procesador de textos. Será impartido de 11 a 12:30 horas e rematará o 25 de setembro.
O outro curso é de Mecanografía para nenos, que se imparte de 17 a 18 horas e rematará o 17 de outubro. Os asistentes aprenderán a situar as mans no teclado para escribir de forma correcta, a memorizar a situación das teclas empregando o programa libre Klavaro e sentarse correctamente para non sufrir lesións.
Os interesados en inscribirse ou en solicitar máis información poden dirixirse á Aula CeMIT do Concello de Burela, sita na Casa da Xuventude; a través da páxina web https://cemit.xunta.es/ ou enviando un correo electrónico a cemit.burela@xunta.es
Charla
A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, tamén acollerá unha charla impartida polo CDTIC en colaboración cos Concello de Burela e do Vicedo.
O xoves 26 de setembro de 16:00 a 20:00 horas, levarase a cabo unha charla mediante videoconferencia na aula CeMIT do Concello de Burela sobre O uso de Internet e Redes Sociais para menores. Esta está dirixida especialmente a pais, nais ou titores.
O obxectivo desta sesión será o de sensibilizar aos pais, nais e titores sobre os principais riscos existentes polo uso non apropiado destas ferramentas e ao mesmo tempo proporcionarlles os recursos necesarios para axudarlles na prevención dos mesmos ou para minimizar as súas consecuencias.