Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino da Mariña apoia ás ANPAS na protesta polo copago nos comedores escolares

A Mariña, 23 de setembro de 2013.- A CIG Ensino da Mariña quer manifestar o seu apoio a aquelas ANPAS dos centros públicos da Mariña que se están a manifestar contra o decreto de comedores aprobado pola Xunta durante este verán e a pesares de estar en contra a maioría da comunidade escolar representada no Consello Escolar de Galiza.

Este decreto carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo que ata o de agora era gratuíto. A suba supón pagar un 40% máis que o ano pasado e só terán dereito a comedor gratis 14.000 alumnos/as dos 200.000 que cursan o ensino obrigatorio. Pero ademais con esta medida elimínase por primeira vez na etapa democrática un servizo que garantía un dereito fundamental como é o da educación para aquel alumnado transportado. Por este motivo a CIG vai a recorrer este decreto de comedores por vía xudicial. “Imos a gañar esta batalla como gañamos a da lingua, a da revisión médica anual ou a da non discriminación de sexos en centros privados-concertados” asegurou Dores Fernández Abel, secretaria da CIG-Ensino da Mariña.

A CIG Ensino ten que manifestar tamén que este inicio de curso non foi tan cor de rosas como o pintan desde a Consellaría. Aí están as queixas dos directores/as dos centros educativos da Mariña que a semana pasada protestaban polas dificultades no inicio de curso e o abandono por parte da Consellaría de Educación, queixas que compartimos. Despois de levar dúas semanas de clase en Primaria aínda están sen completar os cadros de persoal, atopándonos centros aos que lles faltan os orientadores escolares e en varios centros están aínda sen especialistas de Audición e Linguaxe (AL). Este curso escolar iniciouse con novos recortes de profesorado, máis agrupamentos de alumnado de distintas idades e niveis, máis materias afíns para os especialistas… e en definitiva, cunha política educativa baseada no deterioro continuo do ensino público e o encarecemento do mesmo para a maioría das familias.

Diante desta situación, agravada pola actitude antidemocrática e impositiva da Consellaría, a CIG-Ensino e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público teñen realizado varias accións reivindicativas e de protesta durante este mes e que rematarán este sábado día 28 de setembro cunha Marcha sobre Santiago desde diferentes puntos do país. O motivo principal e manifestar a oposición a reforma educativa do PP e a todas estas políticas de recortes e repagamentos no ensino público galego. A CIG Ensino convida a toda a veciñanza da Mariña a participar desta “Marcha contra a Lomce” e pola defensa dun ensino público, gratuíto, universal e en galego . Poñeranse autobuses e pódese reservar praza no teléfono 667663083.

Exit mobile version