Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG propón mobilizacións se Alcoa non desbloquea a negociación colectiva

Logo de que os traballadores de ALCOA rexeitásemos por ampla maioría o preacordo ao que chegara parte do Comité e a Dirección, a comisión negociadora mantivo dúas reunións nas que os representantes dos traballadores lle expuxemos á Empresa os motivos polos que non fora aprobado o preacordo: Non se acadaba o IPC para o ano 2013 condicionando ademais os incrementos dos seguintes tres anos a dar varios millóns de euros de beneficios, e propúñase manter durante catro anos ás novas contratacións nos niveles máis baixos.

A postura da Empresa ata o de agora foi de total inmobilismo, limitándose a aportar datos cos que pretende xustificar a imposibilidade de atender as reclamacións dos representantes dos traballadores. Nesas explicacións a Empresa dixo que debido a imposibilidade de recortar persoal cos contratos de relevo cargaba aos custes do convenio a cantidade de 8 millóns de euros para baixas incentivadas de agora ao 2018.

A CIG considera un fraude a proposta da Empresa na mesa de negociación. É inadmisible que quen cobra salarios que rondan os 90.000€ queira facer pagar o custe dos despidos aos traballadores máis precarios. Ademais estaríase facendo pagar ao persoal afectado polo convenio os despidos millonarios de algúns xefes que non están afectados por el. Pero é que inda por riba quérenolos cobrar dúas veces pois a dirección non incluíu nas contas aportadas o que aforrará ao non pagar os salarios dos despedidos durante eses 5 anos.

O vindeiro luns a comisión negociadora manterá a terceira reunión dende que saíu rexeitado o preacordo. A CIG manifestase disposta a negociar tanto partindo do convenio actual como dende punto acadado antes do referendo polo que espera que a Dirección da Empresa dea mostras de acercamento, de non ser así considera necesario e urxente a convocatoria de mobilizacións.

Exit mobile version