Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Medio Ambiente de Burela lembra que os residuos de gran tamaño deben ser depositados no Punto Limpo

Burela, 17 de setembro de 2013. A empresa concesionaria do servizo de limpeza en Burela, Celta Prix, retirou estes días 2 camións de residuos en diferentes puntos do concello. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, trátase de televisións, neveiras e outros obxectos “que a xente deixa tirados nas pistas de acceso ao antigo vertedoiro e no Camiño Real en dirección a Sargadelos”.

Celta Prix e o Concello “seguemos tentando mellorar a imaxe do noso pobo, de aí que procedésemos a retirar estes vertedoiros incontrolados que atopamos en varios puntos do noso municipio. Estamos diante de prácticas bastante habituais, aínda que non o entendemos porque a poucos metros contamos cun punto limpo gratuíto”, engade a edil de Medio Ambiente.

Patricia López Eijo lémbralles “aos veciños e ás veciñas de Burela que todos eses residuos que deixan abandonados e que ofrecen unha mala imaxe da vila deben ser depositados no punto limpo”. O horario de funcionamento desta instalación é os martes e os xoves de cinco a sete da tarde e os sábados de dez da mañá a unha mediodía. A concelleira popular subliña que “tamén existe a posibilidade de recollida de enseres a domicilio os mércores pola mañá, previo aviso no seguinte número de teléfono: 667 51 39 36”.

A concelleira de Medio Ambiente pide “a colaboración cidadá para manter Burela o máis limpa que poidamos. Se todos poñemos da nosa parte e nos comportamos de xeito cívico conseguirémolo pouco a pouco” e insiste en que “non hai necesidade de deixar tirados residuos de grande tamaño en calquera lugar. Temos que eliminar estas prácticas e acostumarnos a acudir ao punto de limpo, que insisto é gratuíto”.

Exit mobile version