Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Medio Ambiente iniciará nos próximos días traballos de limpeza e recuperación fluvial en 3 ríos da Mariña

Lugo, 21 de setembro de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará “nos próximos días tarefas de conservación fluvial na conca de tres ríos da comarca da Mariña”.

Os traballos que se prevé que se estendan por un período de un mes, afectarán “a varios tramos dos ríos Eo, Landro e Ouro”, expuxo Arias. En concreto, as actuacións abranguerán un espazo de arredor de 15,5 quilómetros nos que se incidirá en treitos como os coutos de Xerdiz e e Viveiro (no Landro), no couto de Foz (no Ouro) e no couto da Pontenova (no río Eo).

A representante do Executivo galego na provincia indicou que con estas tarefas, que se desenvolverán a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, preténdese “poñer en valor e favorecer o aproveitamento da paisaxe galega e dos seus valores naturais”.

Con este fin, a consellería financia –coa colaboración de fondos Feader- os traballos con 10.000 euros. A delegada asegurou que estas obras representan “un beneficio que facilita a recuperación de sendeiros de uso público para o tránsito peonil”.

Dentro das actuacións a realizar contémplase a limpeza da vexetación arbustiva nas marxes e no leito dos ríos, así como á poda selectiva de árbores e arbustos naquelas zonas nas que resulte preciso. Na mesma liña, tamén se procederá á rozadura da maleza e recollida de residuos sólidos urbanos.

Máis obras de mellora
As obras de conservación que se desenvolverán nas próximas semanas a través de Conservación da Natureza veñen a sumarse ás que nos últimos meses están a realizarse na mesma comarca da Mariña para a mellora das condicións medioambientais da zona.

Así, a consellería financiou con preto de 80.000 euros os traballos para dotar con sendas minidepuradoras os núcleos de Porto e Reme, promovendo deste xeito unha mellora no tratamento de augas dentro do municipio de Ribadeo.

Exit mobile version