Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Medio Rural executará tarefas de recuperación forestal en catro concellos da Mariña

A Consellería do Medio Rural e do Mar ven de contratar traballos de recuperación forestal por importe de 382.600 euros, que se executarán en montes pertencentes a catorce municipios da provincia. Os traballos, que darán comezo nos vindeiros días, rematarán en marzo do próximo ano, e consisten tanto en labores de restauración da masa forestal como de mellora de pistas.

Así, aplicaranse tratamentos silvícolas nos montes de Coroa e Corno, en Ribadeo, así como en Trabada e no Verducedo e Lomba, no municipio do Páramo. Igualmente, realizaranse traballos de restauración hidrolóxico-forestal na Serra de Peites, Figueiredo e en Vilariño (Ribas de Sil), nas Travesas da Fonsagrada, en Fonteo (Baleira) e no Val de Campelo, Biscobio, Arteixiña e Valdecebes (Quiroga).

Por último, procederase á mellora de pistas en montes das parroquias de Galdo e Landrove, en Viveiro; a Costa da Laxa Moura, en Xove; o monte de Alaxe, no Valadouro, e o do Castelo, en Burela. Así mesmo, actuarase en pistas forestais de Friol (en Carboeiro, a Devesa, Transmonte e a capitalidade do municipio), Lugo (Arco de Santa Mariña, a Grela, Pena do Rei, O Couto e outros) e O Corgo (en Ferveda e no chamado Monte de Arriba).

A delegada territorial, Raquel Arias, subliñou que “a Xunta de Galicia inviste e promove labores de conservación e mellora do monte de forma constante ao longo de todo o ano”. O esforzo da Consellería de Medio Rural, engadiu, “está dirixido a revalorizar o noso potencial forestal, para que sexa fonte de riqueza social, económica e ambiental”.

Así, Arias indicou que estes traballos de recuperación forestal consolidan postos de traballo no rural, tanto nas empresas encargadas de realizalos como nas firmas madereiras que recollen e procesan o produto final, ao mesmo tempo que aumenta a rendibilidade económica para os propietarios do monte.

A delegada explicou que as políticas de prevención e valorización “importantes na xestión do territorio”, e han de sustentarse “na reordenación do rural, impulsando o aproveitamento do monte a través dunha xestión forestal sustentable que explote a diversidade e multifuncionalidade da nosa masa forestal”.

Exit mobile version