Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba investir 3,2 millóns de euros en obras para todos os Concellos co POS

O Pleno Provincial aprobou este martes investir 3,2 millóns de euros en melloras para todos os Concellos da provincia, co Plan de Obras e Servizos para 2013. Deste orzamento, a Deputación inviste 2 millóns de euros, e as entidades locais 1,2 millóns. O organismo provincial incrementa, deste xeito, a súa achega a esta programación, ata financiala nun 60%. Faino logo dos recortes do Goberno Central, que o ano pasado, e por primeira vez na historia, suprimiu a achega estatal ó POS. Ata entón, este plan estaba financiado nun 50% polo Executivo de España, nun 25% polas Deputacións e nun 25% polos Concellos.

Todos os Concellos, a FEGAMP e a FEMP rexeitaron a decisión do Goberno Central, xa que, debido ás dificultades económicas das entidades locais, as actuacións do Plan de Obras e Servizos son, en moitos casos, as únicas que se executan nos municipios. Ante esta situación, no 2012, a Deputación de Lugo xa facía un esforzo inversor e asumía esta programación xunto cos Concellos. Isto fixo posible, a execución de máis de 70 obras en todos os municipios da provincia, agás nos de Alfoz, Bóveda, Folgoso do Courel, Mondoñedo, Pantón e Trabada, que rexeitaron sumarse ó POS.

A Deputación ofrece o Plan de Obras e Servizos para 2013 a todos os Concellos lugueses. O reparto dos fondos realízase en base a criterios obxectivos, que garantan que os municipios reciban un mínimo de 10.000 euros. Deste xeito, valórase nun 40% a poboación de cada Concello, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal.

14 millóns de euros ó emprego
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou durante a sesión plenaria que a Deputación ten en marcha varios plans de emprego, ó tempo que adiantou que está a traballar en novas programacións, coas que acada un investimento de 14 millóns de euros no emprego. Martínez desvelou que a Unión Europeo voltou a premiar á Deputación de Lugo pola súa xestión, concedéndolle outros 2 millóns de euros para o emprego. O voceiro avanzou que a institución contribúe á inserción laboral de 1.500 lucenses desempregados nas profesións con máis futuro, con 7 millóns de euros do Pacto Provincial polo Emprego; ofrece formación práctica sobre sectores estratéxicos da provincia a 900 lucenses co Fórmate en Verde, dotado de 1 millón de euros; creará 100 novos empregos e impulsará un mínimo de 300 PEMES e autónomos lucenses co proxecto Dinamizadores do Tecido Produtivo, que porá en marchas xunto a Escola de Organización Industrial nos vindeiros meses; e acadou máis de 200 bolsas de emprego para mozos lucenses, tendo aberto o prazo de solicitude dunha nova convocatoria, con 900.000 euros de Europa.

Condena á represión franquista
O Pleno Provincial aprobou, co rexeitamento de todos os Deputados do PP, unha moción do Goberno Provincial, que supón os seguintes acordos: instar ó Goberno Central a que introduza no Código Penal un artigo que tipifique como delito a exaltación do franquismo, calquera manifestación lesiva para a dignidade dos represaliados, incluíndo a quen en calquera contexto aprobe, negue ou minimice un feito cometido durante á ditadura franquista. Esixir a Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta e do Partido Popular en Galicia, e a Xosé Manuel Barreiro, dirixente dos populares en Lugo, a que destitúan de todos os cargos públicos a Manuel González Capón, Alcalde de Baralla e Deputado provincial. Expresar a condena unánime de todos os membros da Corporación Provincial á represión franquista, así como seu o apoio a todas as vítimas na provincia.

Ribeira Sacra
Por unanimidade, acordou a moción que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, levou ó Pleno para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Gómez Besteiro adiantou que a vindeira semana presentará esta iniciativa ó seu homólogo en Ourense, ó tempo que enviará o texto ós Concellos da Ribeira Sacra luguesa, así como ós colectivos da zona, “para seguir sumando adhesións e apoios”. A moción implica a 21 municipios -13 de Lugo e 8 de Ourense-, ademais de á Xunta e ó Goberno Central.

PAC
A sesión acordou esixir ós Gobernos Central e Autonómico que concreten as previsións do reparto dos 50.000 millóns de euros da PAC ata 2.020, que expliciten quenes van a ser os seus perceptores, e que xustifiquen porque Galicia será a Comunidade de España que menos fondos recibirá, cando é a segunda, despois de Andalucía, co maior número de traballadores. Conta con 60.000, dos que 30.000 son de Lugo. Cos votos a favor de PSOE e BNG, o organismo provincial tamén insta ós Executivos de Rajoy e Feijóo a poñer en marcha medidas en impulso do sector primario, no que, dende 2009, se destruíron 10.000 empregos en Galicia. Os Deputados do PP rexeitaron estas propostas, co seu voto en contra.

Exit mobile version