Antonio Veiga, na súa intervención, destacou que “estamos diante dunha das festas máis antigas de Lugo e Galiza, a súa tradición é a tradición dun país e o seu reflexo a nosa cultura nunha celebración que ten máis de oitocentos anos de historia. As San Lucas son o espello dun país e dun pobo, onde o mundo rural se xuntaba para saír adiante nun acontecemento social no que o encontrarse coa xente era primordial”.
Tal e como explicou o organizador das festas, Miguel Souto, o programa contempla os actos centrados no mantemento da tradición, como a baixada de gando cabalar dos montes na véspera das festas, o día antes do 18, día grande das San Lucas, e énchese de actividades ao longo dos catro días nos que se celebran as festas.
As San Lucas comezan a datarse no ano 1.156, cando se lle concede a Mondoñedo o título de Cidade. Este ano o 17 de outubro comezan as festas co pregón a cargo de María Pernas Martinez e a baixada do gando cabalar desde o monte ata pasar polas rúas da cidade ata o campo da feira. Ese mesmo día realizarase tamén unha ofrenda floral ao mariscal Pardo de Cela na Praza da Catedral. Ao seguinte día, o 18, día das San Lucas, a feira tradicional contará co concurso de cabalos no que se premiarán os mellores andadores, nas modalidades de serrada e chapeada, tradicionais de Galiza e norte de Portugal. No auditorio de Mondoñedo haberá teatro e tamén a actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, mentres que ese día na Praza da Catedral estará o grupo Di Ellas, encabezado polo actor lucense Luís Tosar.
O sábado día 19 haberá un encontro folclórico no que participarán 4 formacións, contando ás 8 da tarde co concerto no Auditorio do cantautor ferrolán Andrés Suárez.
O domingo, último día das festas, pecharase coa actuación do monologuista Carlos Blanco no auditorio de Mondoñedo e a actuación de orquestras pola noite.
Desde a vicepresidencia da Deputación apóiase esta celebración das festas das San Lucas por constituír unha das feiras máis antigas de Galiza, do Estado e de Europa. Nelas viven aínda a tradición onde os mindonienses se xuntan coa xente chegada de toda a comarca, posto que son unhas festas nas que os visitantes se contan por milleiros.