Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación contrata o venres a derradeira fase do 1º centro público en España de recría de gando vacún

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este luns a última fase das obras de construción do 1º centro público en España de recría de gando vacún, que o organismo provincial contratará este mesmo venres con 5.314.303 euros. Gómez Besteiro destacou que “é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo en Galicia nas últimas décadas, xa que duplicará a capacidade de recría na Comunidade, e permitirá ós gandeiros aforrar custes e obter novos ingresos. Iniciaremos estas obras de xeito inmediato e rematarémolas a finais do vindeiro ano, polo que o centro estará aberto no 2015 ”.

A institución luguesa financia ó 100% este proxecto, achegando case 12 millóns de euros (5,3 millóns na última fase e 6 millóns na primeira fase). A Deputación asume en solitario esta iniciativa logo de que a Xunta, administración coas competencias directas no medio rural en Galicia, rexeitase colaborar, e ata visitar as súas obras. A negativa e as trabas do Goberno galego a este proxecto, que ata o bloqueou durante máis dun ano, tempo que tardou en conceder a licenza legal imprescindible para iniciar as súas obras (Declaración de Impacto Ambiental); non impediu que a Deputación continuase con esta iniciativa, en impulso dun sector clave para economía galega.

Así o reflicten os datos oficiais. En España viven do sector lácteo 30.500 familias. Máis do 50% das mesmas son de Galicia. A Comunidade conta con 16.300 produtores de leite, dos que o 40%, uns 6.500 traballadores, son de Lugo. En Galicia sitúanse o 55% das explotacións de leite existentes de España. Concretamente, contabilízanse 12.500, das que o 40% están en Lugo. Polo que se refire á produción, a Comunidade galega concentra o 38% da cota láctea de España, sendo capaz de producir 2,5 millóns de toneladas de leite. Máis de 1 millón de toneladas proveñen de Lugo.

Problemas do sector
O aumento dos custes de produción, cando os prezos dos pensos, fertilizantes ou da enerxía aumentaron nun 60%; o incremento dos impostos, que conlevou que cada gandeiro pague só polo IRPF unha media de 4.000 euros; o feito de que o prezo polo litro do leite sexa semellante ó de hai 6 anos; supuxeron que dende 2009 se destruísen en Galicia 1.300 empregos directos no sector lácteo. Outro dos problemas que sofren os produtores de leite é que non teñen espazo para recríar as súas novillas e, polo tanto, non poden incrementar a cota láctea e os seus ingresos.

Na actualidade, Galicia conta con 28 pequenos centros de recría con prazas para 2.987 exemplares. Tendo en conta que a Comunidade galega conta cunhas 330.000 vacas en produción, a capacidade de recría resulta insuficiente. “A Deputación ofrece solucións e axuda ó sector porque estamos convencidos de que no rural está o futuro de Galicia. O campo é unha saída laboral que xera riqueza e combate o despoboamento demográfico”, remarcou Gómez Besteiro.

Vantaxes
O centro público da Deputación acollerá 3.000 novillas, é dicir, duplicará a capacidade de recría en Galicia. Os gandeiros aforrarán cartos, xa que non ter que recríar nun centro privado fóra da Comunidade as súas reses, reducindo os 1.600 euros que gastan pola recría dun só exemplar. Estes profesionais obterán novos ingresos. As novillas que se recríen no centro público da institución luguesa acadarán un alto valor produtivo e xenético, que permitirá ós gandeiros incrementar a cota láctea, así como contar con exemplares cun prezo no mercado non inferior ós 2.000 euros. Por exemplo, se do centro de recría da Deputación saen ó ano 1.500 reses, o volume de negocio será de 3 millóns de euros. A posta en marcha destas instalacións reactivará, ademais, a economía. A actividade económica xerada coa recría quedará en Galicia, xa que a alimentación e os materiais compraranse na Comunidade, os veterinarios e o persoal que atendan os animais serán de aquí…Por exemplo, o alimento consumido durante un ano polas 3.000 reses terá un valor de 900.000 euros, cartos que quedarán en Galicia.

Obras
Os traballos executados durante a primera fase destas obras consistiron no movemento de terras das 8 hectáreas que ocupa o centro de recría; apertura de zanxas; cimentación, construción das estruturas e das cubertas das 13 naves de recría, que ocupan 25.000 metros cadrados; sistema de canalización; e realización de 12 silos para almacenar forraxe, con capacidade para 10.000 metros cúbicos. As tarefas que se iniciarán de xeito inmediato son as seguintes:

– demolición de varias estruturas e acondicionamento de terreo para a construción de 16 silos do penso e pesebres exteriores, así como para situar as 270 casetas individuais para a corentena das novillas (prazo duns 40-45 días que están dende a súa chegada ó centro) e as 104 casetas colectivas para o período de transición (da corentena pasan a transición ata o 5 meses. Logo, entran nas 13 naves de recría).

– urbanización, que inclúe movementos de terra, cimentacións, pavimentos e firmes, ademais de traballos de saneamento, abastecemento, albanelería e xardinería.

– equipamento das 13 naves de recría con cubículos, bebedeiros, arrobadeiras, básculas, mangada e manexo, valos metálicos, boxes tenreiros individuais e colectivos, e cornadizas.

– instalación da depuradora capaz de xestionar o 100% dos residuos que se xeren, transformándoos en enerxía. Dotación dun sistema de evacuación dos 28.000 metros cúbicos de purín que xerarán as 3.000 novillas.

Exit mobile version