Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo pide á Xunta que nos orzamentos de 2014 inclúa unha partida para o servizo de axuda no fogar nos concellos de menos de 20.000 habitantes

veiga - xunta goberno 200913Lugo, 20 de setembro de 2013. Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e delegado de Benestar Social, pediu ao Partido Popular que abandone a súa estratexia de confusión sobre as políticas sociais na provincia e, en concreto, sobre o Servizo de Axuda no Fogar básico.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno semanal, Veiga acusou ao Partido Popular de “estar a facer público un coleccionábel de notas de prensa criticando a aportación económica da institución provincial ao Servizo de Axuda no Fogar básico cando é a Xunta de Galicia, Goberno da súa formación, a que leva varios anos deixando abandonados aos usuarios e usuarias deste servizo, negándose a participar na súa financiación en todos os concellos con menos de 20.000 habitantes, é dicir, en todos os da provincia agás o de Lugo”.

“O Partido Popular –continuou- nega os beneficios do Servizo de Axuda no Fogar básico a miles de lucenses mentres a área de Benestar Social da Deputación continúa incrementando a súa aportación económica a este servizo”. Así lembrou que en 2013, o investimento en axudas para este fin ascende a 650.000 euros, un 27 por cento máis que hai dous anos, o que permite atender ao redor de 2.400 usuarios e garantir centos de postos de traballo nas diferentes comarcas.

Neste senso, o vicepresidente insistiu en que “todas as axudas que concede o entre provincial, sexa da área que sexa, responden sempre a criterios obxectivos establecidos nas bases das convocatorias sen mirar a cor política dos concellos, cousa que dubido que a Xunta de Galiza poida afirmar con tal rotundidade. Todos coñecemos como o Goberno galego prima os investimentos na costa Atlántica mentres impulsa coas súas medias o abandono do interior galego”.

Antonio Veiga pediu ao presidente Feijóo e á conselleira de Asuntos Sociais, Beatriz Mato, a rectificar a súa política en materia de benestar social ao considerar que “os orzamentos de 2014, nos que a Xunta está a traballar, son unha boa oportunidade para que o Partido Popular demostre o seu compromiso con este país, co medio rural e coas políticas sociais. Neses orzamentos debera incluírse unha partida para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar básico, a lo menos coa mesma cantidade que investiu en 2010. Deste xeito, evitaría que o custe do servizo continúe recaendo, tamén, nos usuarios e usuarias e nos concellos, porque ambos xa están afogados polos constantes recortes, subas de impostos e establecemento de copagos”.

Copago da medicación hospitalaria contra enfermidades graves e cróncias
Para os nacionalistas as políticas sociais que o Partido Popular está implementando tanto en Galiza como no resto do Estado responden á lóxica neoliberal desta formación política cuxo obxectivo “é privatizar os servizos públicos”.

Para Antonio Veiga, o Goberno do Estado deu onte un paso máis cara ese obxectivo coa publicación no Boletín Oficial do Estado da resolución pola que se procede a modificar as condicións de financiación de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante o copago. A partir do 1 de outubro os medicamentos de dispensación ambulatoria nos hospitais, é dicir, aqueles que se dispensan a pacientes non hospitalizados, quedarán sometidos a copago.

Esta medida afectará ao redor de 50 tipos de medicamentos que forman parte de tratamentos de enfermidades graves ou crónicas como o cancro, a hepatite C, a artrite reumatoide ou a esclerose múltiple. Segundo a resolución, os enfermos pagarán un 10 por cento do prezo dos medicamentos cun máximo de 4.20 euros.

Veiga lamenta que “ao copago das ambulancias, ao pago das próteses, ao copago farmacéutico en oficina de farmacia, á supresión de persoal sanitario e á privatización de hospitais se lle sume esta medida que o Goberno do Estado tenta vender como unha actuación para consolidar o sistema da Seguridade Social cando é un novo repago e un abuso á cidadanía. O Partido Popular segue a poñer atrancos para que os cidadáns poda acceder á cidadanía e desfrutar o seu dereito a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade”.

“Nin no peor pesadelo poderíamos pensar que nunha situación de profunda crise económica, un Goberno amose semellante insensibilidade castigando a persoas enfermas e empobrecendo aos máis vulnerábeis. O Partido Popular quere que só os ricos poidan acceder ao sistema sanitario” – concluíu o vicepresidente da Deputación de Lugo.

Enlace ao BOE: http://www.actasanitaria.com/fileset/file__CAMBIO_EN_LAS_APORTACIONES_DE_LOS_USUARIOS_4603428036185043638.pdf

Exit mobile version