Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo pón en marcha unha espectacular programación formativa no Centro de Artesanía e Deseño

Obradoiros CENTRAD - tempada 2 001A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou esta mañá a segunda tempada de cursos do CENTRAD para 2013, chea de novidades nas materias formativas, que se combinarán con algúns dos contidos presentes na anterior convocatoria -coma os relacionados co arranxo de prendas ou mobles-, que maior éxito acadaron entre os lucenses. A oferta contará novamente con cursos sobre as técnicas máis novidosas e actuais, de carácter máis práctico para o día a día, e outros centrados nos oficios tradicionais que, ademais, así coma outros que se estrean, coma o caso da canteiría ou da construción de instrumentos musicais.

As novidades tamén se estenden ós lugares de celebración dos obradoiros. Coma vén sendo habitual, descentralízase a formación, de xeito que ademais das instalacións habituais da capital –os pavillóns do Centrad ou no obradoiro de Cestaría do Rato-, os Concellos de Ribadeo, Burela, Cervantes, Navia de Suarna, Becerreá, Lourenzá e A Pontenova acollerán algúns destes cursos.

Regina Polín destacou a intención de que o maior número posible de lucenses teñan a oportunidade de acceder á formación en técnicas de oficios artesanais, posto que este é un sector “de xeración de emprego de primeiro nivel, especialmente no rural”. A este compromiso dos responsables provinciais de que ningún interesado deixe de participar desta formación, axuda o esforzo feito para que os prezos de matrícula sexan o máis reducidos posible: de feito, o prezo de cada hora de formación é, coma de costume, de só 50 céntimos de euro.

Algúns dos obradoiros, coma “Arranxa ás túas prendas”, “Decora a túa roupa”, “Iniciación ó patchwork” e “Restauración de mobles”, repiten, para dar cabida ás ducias de aspirantes que non puideron acceder en anteriores convocatorias polo gran número de solicitudes, que desbordou calquera previsión. Outros, coma “Filigrana aplicada” ou “Escultura en cerámica”, están pensados para persoas con coñecementos previos que queiran perfeccionar a súa técnica de xoiería ou modelado de pezas cerámicas. Pero, sen dúbida, a maior novidade son os ambiciosos obradoiros de canteiría e contrución de instrumentos musicais, “Iniciación á canteiría” e “Construción de zanfonas”.

245 prazas para 28 cursos
Os 28 cursos programados darán comezo o vindeiro día 16 de setembro e desenvolveranse ata a primavera do vindeiro ano, nalgúns dos casos. Son en total 760 horas de formación centradas en técnicas coma xoiería, téxtil, canteiría, construción de instrumentos musicais, coiro, cestaría ou cerámica.

No Centro de Artesanía e Deseño celebraranse os cursos “Filigrana aplicada”; “Xoiería experimental”; “Modela as túas xoias”; “Trenzado en coiro”; “Iniciación ó patchwork”; “Arranxa as túas prendas”; “Decora a túa roupa con pedrería”; “Tecer con nós. Macramé”; “Tecendo en tear de baixo lizo”; “Restauración de mobles”; “Escultura en cerámica”; “Iniciación á tapicería” e “Construción de zanfonas”. Coa realización dalgún dos cursos, coma o caso deste último, os participantes poderán obter a “carta de artesán”, posto que superan amplamente as 500 horas de formación que se esixen coma requisito para acadar dita cualificación. No Obradoiro de Cestaría do río Rato celebraranse “Iniciación á canteiría”; “Construción de hórreo de varas”; “Elaboración de cestos mixtos”; “Cestería de vimbio. Cesta de cogomelos”; “Iniciación á cestería de vimbio”; “Cestería de reciclaxe” e “A arte de cestear. Esculturas en vimbio”.

Os cursos que se celebrarán noutros Concellos son: “Iniciación ó coiro”, en Burela; “Tecendo en tear tradicional”, en Cervantes; “Cestaría en espiral con teas recicladas”, en Ribadeo; “Iniciación á cestaría”, na Pontenova; “Tecendo en tear de alto lizo”, en Lourenzá; “Iniciación ó coiro”, en Becerreá e “Iniciación á cestaría” en Navia de Suarna.

Máis información
O prazo de solicitude destes cursos comeza hoxe mesmo e irá rematando cinco días antes da data do comezo de cada obradoiro, tendo preferencia todos aqueles solicitantes que non realizaran estes mesmos cursos nos dous últimos anos, en cuxo caso terán que agardar a que queden prazas vacantes. A matrícula para estes cursos farase online. Para elo, os interesados terán que acceder á páxina www.deputacionlugo.org, na que poderán atopar o modelo de solicitude para formalizar a inscrición, que deberán encher cos seus datos. Unha vez cuberto este formulario de inscrición, a aplicación informará ó interesado se está admitido ou se, pola contra, está en lista de espera.

Cada alumno poderá participar nun único curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición. Os alumnos que cumpran a totalidade de horas do curso ou ben só faltaran, xustificadamente, un 10% da carga horaria do mesmo, poderán obter os correspondentes diploma e certificación de asistencia. Para obter máis información sobre datas, horarios, prezos de matrícula e inscricións, os interesados poden consultar a páxina web anteriormente citada, chamar ó teléfono 982 210 066 ou ben achegarse ata as instalacións do CENTRAD (Travesía Rúa Chantada, s/n).

Exit mobile version