Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación insta ó Goberno a modificar o Código Penal para tipificar como delito a exaltación do franquismo

A proposta do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o grupo provincial socialista leva ó Pleno deste martes unha enmenda para instar ó Goberno Central a que introduza no Código Penal un artigo que tipifique como delito a exaltación do franquismo, calquera manifestación lesiva para a dignidade dos represaliados, incluíndo a quen en calquera contexto aprobe, negue ou minimice un feito cometido durante á ditadura franquista. Todo isto, en concorrencia coa Lei 52/2007, do 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos, ó tempo que se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violación durante a guerra civil e a ditadura.

A petición de Gómez Besteiro inclúese á moción que se debatirá na sesión plenaria de mañá, coa que o Goberno Provincial insta a Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta e do Partido Popular en Galicia, e a Xosé Manuel Barreiro, dirixente dos populares en Lugo, a que destitúan de todos os cargos públicos a Manuel González Capón, Alcalde de Baralla e Deputado provincial. Con esta moción, o Execución lugués tamén quere expresar a condena unánime de todos os membros da Corporación Provincial á represión franquista, así como seu o apoio a todas as vítimas na provincia.

Estas peticións xorden logo de que González Capón asegurase, textualmente, que “os que foron condenados á morte será porque o merecían”, en alusión ás vítimas do franquismo. O Goberno Provincial amosou dende o primeiro momento a súa repulsa antes estas afirmacións, que “son unha auténtica barbaridade e un ataque as vítimas do franquismo”, que só na provincia de Lugo superan as 3.000 persoas.

O Executivo lugués mantén que o apoio ó xenocidio que representou o franquismo é totalmente contrario ós principios democráticos dunha sociedade como a actual, ademais de atacar principios morais básicos como a defensa da vida ou a condena á violencia. “A gravidade das afirmacións feitas pola rexedor municipal e deputado provincial exceden do ámbito político e rozan a ilegalidade ó ser contrarios ó establecido na lexislación vixente, en particular, na Lei da Memoria Histórica”.

Exit mobile version