A Fundación TIC, dependente da institución luguesa, dará a máxima difusión á Festa da Faba para promocionala no exterior. Os profesionais da TIC elaborarán un vídeo coa presentación desta cita e, posteriormente, outro con todas as actividades que se desenvolvan durante os días propios do evento. Ambos traballos retransmitiranse en diferentes medios de comunicación e difundiranse a través das redes sociais. Ademais, rodarán un documental sobre este festexo que estará a disposición de todos os cidadáns na páxina web do Concello, contribuíndo a poñer en valor a riqueza deste municipio.
Actividades lúdicas
Logo do éxito de Lugoteando durante a tempada estival, que acadou a participación de 1.500 persoas, a Deputación levará ó claustro do mosterio de Lourenzá as diferentes actividades lúdicas e medioambientais desta programación o vindeiro día 6 de outubro. Todos os interesados poderán participar, de xeito totalmente gratuíto, en novidosas actividades: simular de surf, gyroboar –sistema que permite reproducir os movementos dun skate con xiros espectaculares-, ou skates electrónicos. O horario do Lugoteando será de 12:00 á 17:30 horas.