Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación xa acondicionou máis de 3.200 quilómetros das estradas provinciais de 54 concellos

A Deputación xa acometeu melloras no firme das estradas da provincia en máis 54 concellos nos que se dan por rematadas as obras e que suman entre todos 3.246 quilómetros. Isto quere dicir que dende que comezou o Plan de Rebacheo para este 2013, en xuño, xa se leva executado máis do 80% das actuacións previstas. Na actualidade as máquinas da Deputación están a traballar en 9 concellos e nos vindeiros días as obras comezarán noutros 4 municipios para completar a totalidade dos concellos da provincia.

Na actualidade as máquinas están a traballar nos concellos de Lugo, Portomarín, Palas de Rei, Friol, Guntín, Cervantes, Chantada, Taboada e Carballedo. Entre todos estes concellos suman un total de 800 quilómetros. Pendente de próxima execución quedan tan só 150 quilómetros daqueles concellos nos que comezarán as obras nos vindeiros días. A Deputación inviste neste Plan de Rebacheo 5,5 millóns de euros para manter nun correcto estado as estradas da provincia.

Outras actuacións de mellora nas estradas da provincia
Dende a Deputación insisten nas dificultades de mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de España con 4.200 quilómetros de estradas. Para a realización destas actuacións os técnicos teñen en conta tamén as condicións climatolóxicas de cada zona e recordan que a institución provincial realizou outras melloras no firme destas estradas colocando sinalización ou acondicionando con aglomerado en quente máis de 1.000 quilómetros.

Exit mobile version