Site icon Crónica3.com A Mariña

A FEGAMP aproba por unanimidade as súas emendas á reforma local

fegamp0022SANTIAGO. A Federación Galega de Municipios e Provincias aprobou na mañá deste mércores un documento de propostas de modificación do proxecto de lei da reforma local, que o Goberno remitiu este mesmo mes ás Cortes para o seu trámite parlamentario. O texto é, unha vez máis, froito do acordo de todos os partidos políticos, e recolle tamén a esencia das propostas remitidas polos concellos galegos que quixeron participar neste proceso.

Estas emendas non terán un carácter xeral senón que se referirán a artigos concretos do texto legal, propoñendo modificacións de acordo cos criterios expresados pola Fegamp nas súas distintas resolucións. O acordo da Comisión Executiva é trasladar estas propostas aos distintos grupos parlamentarios en Congreso e Senado con representación en Galicia (PP, PSOE e BNG), á vez que se remitirán ás distintas forzas políticas do Parlamento autonómico.

Deste xeito, a Fegamp vólvese pór á cabeza do municipalismo en España, ao referendar publicamente unha postura moi crítica fronte á reforma local, co respaldo de todos os grupos políticos e o apoio unánime dos alcaldes e alcaldesas de Galicia. “Fixémolo coas alegacións que aprobamos en marzo e volvémolo a facer agora”, destacou José Manuel Rey Varela, presidente da Federación e alcalde de Ferrol, “a forza do municipalismo radica na unidade de acción e de mensaxe, e esa ten que ser nosa única folla de ruta”.

Para Rey Varela, “o acordo alcanzado non entende de cores políticas, senón que responde a unha inquietude real de todos os alcaldes, especialmente nos concellos pequenos, ante a perda de servizos aos seus veciños”. O presidente da Fegamp valorou moi positivamente “o espírito de consenso e a capacidade de diálogo” mostrada polo tres grupos políticos, “que nunca se rompeu desde que se iniciou todo o debate da reforma local”.

Os servizos xurídicos da Fegamp ultimarán nos próximos días algunhas precisións no texto acordadas polos voceiros e ratificadas pola Executiva, coa intención de que as propostas sexan remitidas ao Congreso con anterioridade ao día 24 de setembro, data na que finaliza o prazo de presentación de emendas.

As emendas inciden, entre outros aspectos, nas liñas vermellas expostas pola Fegamp desde o primeiro momento: o traspaso dos servizos sociais ás autonomías, o reforzo das deputacións provinciais en detrimento dos concellos pequenos, o mantemento das competencias educativas nos municipios e o aumento da intervención no goberno local por parte doutras administracións.

Asemblea extraordinaria
A Comisión Executiva tamén validou a proposta de José Manuel Rey de celebrar unha asemblea extraordinaria da Fegamp, aberta a todos os alcaldes e alcaldesas de Galicia, para o próximo 11 de outubro en Santiago de Compostela. “Queremos dar voz aos representantes electos de todos os cidadáns, que serva para que se escoite o profundo desencanto que esta reforma xera”, engadiu o presidente da Federación.

A celebración da asemblea o 11 de outubro cumpre coa esixencia estatutaria de dar unha marxe mínima de 20 días desde a súa convocatoria. Nos próximos días a Fegamp iniciará o proceso de convocatoria dos alcaldes e alcaldesas, así como a organización da asemblea, na que se poderán presentar propostas de resolución para o seu debate e posterior votación. Ademais, determinarase o lugar e hora desta reunión extraordinaria.

Exit mobile version