Site icon Crónica3.com A Mariña

‘A loita’, do sarrián José Regueiro, foi a gañadora indiscutible do I Concurso de Fotografía “imaxesRAPAcandaoso2013”

Xurado calificador Concurso imaxesRAPAcandaoso2013Santo Andrés de Boimente, domingo, 15 de setembro de 2013.- O xurado do Concurso de Fotografía “imaxesRAPAcandaoso2013” que o colectivo de mulleres “Fraga das Saímas” convocara con motivo da celebración da “45ª Edición Rapa das Bestas do Curro do Candaoso” , reuniuse no Centro Socio-Cultural De Santo André de Boimente este sábado para valorar os 22 traballos presentados por 11 fotógrafos/as que se atreveron a plasmar coas súas cámaras, a través da súa creatividade, a beleza e os valores culturais, etnográficos e paisaxísticos que se desprenderon na celebración desta festa ancestral de maior arraigo do concello de Viveiro.

O xurado cualificador estivo composto polas seguintes persoas:

– Flor Chao, Presidenta do colectivo Fraga das Saímas
– Óliver, profesional da Fotografía e propietario da empresa Foto Óliver, empresa con máis de 30 anos de experiencia no sector da Fotografia Profesional e de Aficionado.
– Josefina Casas, propietaria de tenda especializada en material de belas artes (CATÁ)
– David Rodríguez Casas, artista viveirense, graduado en Belas Artes e autor de numerosas obras premiadas en diferentes certames de Artes Plásticas e concursos fotográficos e de pintura.
– Xuxa e Adelina, vogais do colectivo Fraga das Saímas

Actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto, Gloria R .Ll, secretaria da Asociación de Mulleres Rurais Fraga das Saímas.

Dos 22 traballos, o xurado acordou descualificar dúas obras por non adecuarse ás bases do concurso e logo do estudo das restantes obras o xurado preseleccionou os 15 mellores traballos presentados ao concurso, co obxecto de que formen parte dunha exposición temporal, que poderá ser visitada no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.

O xurado cualificador, logo de rematado o proceso de preselección, procedeu a seleccionar as obras finalistas e as gañadoras do concurso, e que despois de máis de hora e media reunidos acordaron por unanimidade fallar o:

PRIMEIRO PREMIO.- consistente en 250 € en metálico a JOSÉ REGUEIRO GARCÍA (Sarria), pola obra titulada “A Loita”.

“A Loita” logrou alzarse con este primeiro premio pola súa forza, expresividade e a plasmación da tensión do momento da loita entre o home e o animal que logra atrapar de xeito imediato ao espectador. O autor consegue captar nunha soa instantánea os elementos esenciais desta festa ancestral cunha creatividade e orixinalidade inusual e que o xurado valorou moi positivamente, sen esquecerse da gran calidade técnico-artística da obra.

SEGUNDO PREMIO.- consistente en 120 € en metálico a JOSÉ LÓPEZ PÉREZ (Santiago de Compostela), pola serie fotográfica titulada “Rapa e Marcaxe 1_2_3_4”.

TERCEIRO PREMIO.- consistente en 100 € en metálico a MARÍA ÁNGELES LAGO ÁLVAREZ (Asturias), pola serie fotográfica titulada “Y al final, todo es calma…”.

O xurado destacou destas dúas obras a súa creatividade e calidade na execución, que fan visible a beleza e os valores culturais, etnográficos e paisaxísticos (que conforma a paraxe natural dos Montes do Buio e a Fraga das
Saímas) que se desprenden durante a celebración desta festa tradicional e que incita aos viaxeiros/as a descubrir esta contorna natural e a gozar desta festa tradicional. Os autores destas obras lograron convencer ao xurado para facerse co 2º e 3º premio empregando a conxunción necesaria de tres elementos fundamentais: a súa creatividade e orixinalidade, a súa harmonía na composición das series e a súa calidade técnico-artística.

Os autores das obras fotográficas que gañaron os accésits dotados con 30 € cada un son:

1º Finalista: Francisco López López coa obra titulada “ Colección de selas”
2º Finalista: Germán Paleo Navarro, coa obra titulada “ Medíndose”

A entrega de diplomas, aos cinco gañadores deste certame fotográfico, xunto coa inauguración da exposición temporal dos 15 mellores traballos fotográficos, realizarase nun acto público no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente e cuxa data está pendente de concretar por parte do colectivo Fraga das Saímas pero que será comunicada coa suficiente antelación ás persoas premiadas, socias, veciños e medios de comunicación.

A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” quere expresar publicamente o seu agradecemento pola súa colaboración a todas aquelas institucións públicas, medios de comunicación e asociacións que colaboraron na divulgación desta ilusionante iniciativa e dun xeito especial a todas aquelas persoas que participaron neste certame fotográfico, así como ao profesional da fotografía Óliver, a Josefina Casas (CATÁ) e ao artista David Rodríguez, que de forma desinteresada aceptaron formar parte do Xurado Cualificador e que sen a súa axuda a resolución deste concurso non sería o mesmo.

Exit mobile version