Susana Méndez apuntou que “cada día é máis difícil vivir en galego en Galiza” e puxo como exemplos notorios algunhas das discriminacións denunciadas nas últimas semanas, como “o caso dun funcionario da Deputación da Coruña ao que lle prohiben usar o galego”, ou “a exclusión do noso idioma en eventos significativos onde non hai escusa posíbel para que non estea presente, como por exemplo nas actividades culturais ou festivas organizadas polo Concello da Coruña”. A vicepresidenta da maior asociación cultural galega tamén criticou a “nova tentativa de criminalización do movemento social en defensa da lingua galega”, a través dunha denuncia tramitada pola Delegación do Goberno contra Queremos Galego por supostos desperfectos realizados na manifestación do 17 de maio, dos cales ninguén ten constancia.
A respecto disto último, Carlos Callón lamentou que o PP utilice as institucións para converter en “sospeitosos habituais” todos os movementos “que teñan unha opinión diferente da súa”. “A denuncia contra Queremos Galego é un corta-pega da denuncia que presentaron nos mesmos días contra os movementos feministas, indicativo de que o único fin que se persegue é a criminalización”. Ademais, o presidente da Mesa sinalou que “é ben curioso que nos chegue agora unha denuncia da Delegación do Goberno por uns supostos desperfectos na manifestación do pasado Día das Letras, cando ningún, absolutamente ningún dos moitos medios de comunicación presentes na marcha viron que existira nin o máis mínimo desperfecto, o cal, se se producir, sería sempre contrario ao espírito e á vontade de Queremos Galego”.
A Mesa anuncia un novo estudo sobre a situación do galego no ensino
Os representantes da Mesa tamén chamaron a atención sobre o “enorme retroceso” que está a padecer a lingua galega no sistema educativo durante o goberno de “Atila Núñez Feijóo, que tantos dereitos está a destruír, entre eles o de podermos vivir no noso idioma no noso propio país”. Para o constataren, “e dado que a Xunta non ofreceu en ningún momento datos nin sobre o ensino en cada lingua e nin tan sequera sobre os resultados da pseudoconsulta”, A Mesa dirixirase aos centros de ensino para ter unha información sobre a presenza do galego na escola, “un estudo que queremos que sexa máis exhaustivo na educación infantil das cidades, un espazo en que o decretazo contra o noso idioma está a ser especialmente letal”.