Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova escola infantil de Burela contará con 41 prazas grazas a un investimento público de 580.000 euros

Burela (Lugo), 18 de setembro de 2013.- A nova escola infantil de Burela contará con tres unidades e 41 prazas grazas a un investimento de máis de 580.000 euros. Isto permitirá elevar ata 161 as prazas da Galiña Azul no concello, un 34% máis que as que existen na actualidade.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, fixo este anuncio na súa visita á comarca da Mariña, onde aproveitou para adiantar que o departamento autonómico prevé a construción dun centro de día e residencia en Foz que contará con 40 prazas de centro de día e outras 40 de residencia, segundo a estimación realizada no anteproxecto da obra.

En primeiro lugar, Mato asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde de Burela, José González Barcia, para a construción dunha nova escola no concello, o que é unha proba da aposta do departamento autonómico por facer posible a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Neste sentido, Mato lembrou as 8.600 prazas públicas que ofrece a rede A Galiña Azul no novo curso, que comezou a principios deste mes, preto do 5% máis que ao comezo do curso anterior e un 58% máis das que había en abril de 2009. En total a rede conta con 147 escolas en toda Galicia.

Ademais engadiu que nos próximos catro anos está previsto crear 3.500 novas prazas, das que 2.000 xa están planificadas, asinadas en convenios e comezando a executarse no presente ano, sempre “en permanente diálogo e colaboración cos concellos”.

Formación e obradoiros
Posteriormente, a responsable de Traballo achegouse ata o centro de formación ocupacional da localidade onde salientou a aposta do departamento pola formación de calidade, e indicou que este ano estanse a destinar máis de 40 millóns de euros en formación para desempregados, con que se financian 900 cursos nos que toman parte 14.000 galegos e galegas. Destes, practicamente o cen por cen están ligados á obtención dun certificado de profesionalidade.

En concreto, no centro de formación de Burela fináncianse este ano un total de catro cursos para 60 alumnos e cun investimento superior aos 254.000 euros. Céntranse nas especialidades de pintura, animador turístico, auxiliar de enfermería en xeriatría e atención especializada para enfermos de Alzhéimer.

Tamén en materia laboral, Burela, asociado con Cervo e Xove, contará cun obradoiro de emprego este ano para 22 alumnos, cunha duración de seis meses e un orzamento de preto de 200.000 euros centrado nas especialidades de pintura, albanelería, xardinería e axuda a domicilio.

Posteriormente, a responsable de Benestar desprazouse ata o centro ocupacional e centro de día ‘Eu Son’ para persoas con discapacidade, no que a Consellería ten 23 prazas concertadas nas que inviste 117.000 euros ao ano.

Beatriz Mato salientou que desde 2009 creáronse 631 prazas públicas para persoas con discapacidade en toda Galicia, un 14,5% máis das que había en abril de 2009; e engadiu que malia a crise económica, en 2013 blindouse o presuposto destinado á discapacidade, que contará este ano con preto de 83 millóns de euros.

Así mesmo, estase a traballar na mellora da normativa promovendo unha nova Lei de accesibilidade, que actualizará o texto vixente e que está previsto levar ao Parlamento de Galicia no presente período de sesións.

Residencia e centro de día en Foz
Tras visitar Burela, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, achegouse ata Foz, onde mantivo un encontro co alcalde, Javier Jorge Castiñeira. O departamento prevé a construción dun centro de día e residencia na localidade que contará con 40 prazas de centro de día e outras 40 de residencia, segundo a estimación realizada no anteproxecto da obra.

Mato lembrou que o proxecto de execución, que estará rematado antes de que finalice o ano, vénse de adxudicar recentemente e anunciou que está prevista unha inversión en 2014 de 500.000 euros para o inicio das obras deste centro, que será o primeiro público para maiores do concello.

A responsable de Benestar indicou que o departamento autonómico ten como prioridade “a mellora, ampliación e racionalización dos servizos públicos” e está a esforzarse permanentemente “para garantir a calidade de vida dos nosos maiores e ofrecerlles os mellores recursos e servizos”.

Este feito queda demostrados coas máis de 2.800 prazas públicas postas a disposición dos galegos e galegas nos últimos catro anos en residencias, centros de día e de alzhéimer. Esta cifra supón un incremento do 42% con respecto ás prazas existentes en 2009.

Beatriz Mato engadiu que, en concreto, na provincia de Lugo creáronse máis de 500 prazas para maiores desde 2009, un 35% máis das que existían nesa data.

Exit mobile version