Site icon Crónica3.com A Mariña

A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle ata o 15 de setembro a exposición colectiva ‘Obradoiros con Alma’

Ribadeo, 2 de setembro de 2013. Ata o vindeiro 15 de setembro estará aberta na oficina de turismo de Ribadeo a exposición colectiva de Obradoiros con alma. Trátase dunha mostra na que se recollen os traballos de artesáns da Mariña.

A exposición foi inaugurada onte, domingo, pola concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, que sinalou que “ao igual que estamos a facer noutros eidos como o gastronómico, horta, comercio ou turismo, dende o Concello de Ribadeo queremos apoiar e apostar polo desenvolvemento dos valores locais, dunha economía sostible na que todos os sectores debemos interactuar buscando sinerxias que nos fagan en si un conxunto atractivo para todos cantos nos visiten. Ademais cremos que a Mariña debe apostar por iso, polo traballo colaborativo”.

A edil nacionalista subliñou que “a nosa terra ten un grandísimo potencial no desenvolvemento turístico, e con iniciativas como a vosa, poñendo o mellor de cada un para crear un produto de calidade, unha imaxe conxunta de territorio, é sen dúbida, onde poderemos atopar o éxito. Así artesáns dende Viveiro ata Ribadeo, pasando por Cervo, San Cibrao, Burela, Mondoñedo ou Alfoz, chegando a Trabada e A Pontenova, conseguides unha promoción conxunta, de xeito que vos facedes visibles como proxecto, como atractivo, como vehículo para presentar a Mariña dun xeito máxico e diferenciador”.

Martínez aludiu tamén “ao traballo pausado, o cariño, o esforzo, a dedicación que poñedes en cada unha das vosas pezas, ese é o alento, a alma, que nestes tempos é tan importante”.

Exit mobile version