Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denuncia un novo recorte coa eliminación dunha praza médica no Centro de Atención Primaria de Ribadeo

A Mariña, 31 de agosto de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña reclama a cobertura con persoal contratado para substituír a xubilación dunha médica con praza no Centro Atención Primaria de Ribadeo que na práctica foi eliminada ao redistribuír o seu cupo de pacientes entre o resto do cadro médico do centro. Dende a Plataforma denuncian o novo recorte na calidade asistencial aplicado pola Xerencia de Xestión Integrada e anima á poboación ribadense a reclamar a cobertura da praza vacante que evite o progresivo desmantelamento na asistencia primaria con este novo recorte que ven a sumarse aos xa aplicados polo SERGAS en Viveiro, Cervo e Xove.

A XERENCIA DE XESTIÓN INTEGRADA CON DIRECCIÓN EN LUGO CONTINÚA CO SEU PLANO DE RECORTES EN ASISTENCIA PRIMARIA CO SILENCIO CÓMPLICE DO XERENTE EXECUTIVO COMARCAL
A Plataforma responsabilizou á Xerencia de Xestión Integrada do progresivo desmantelamento da asistencia primaria na comarca coa perda de persoal facultativo en centros de Viveiro, Cervo e Xove ao que agora se suma a perda dunha praza en Ribadeo coa xubilación dunha facultativa que prestaba os seus servizos no Centro de Atención Primaria de RIBADEO e que provoca unha vacante que non vai ser cuberta por ningún médico xa que o seu cupo de pacientes foi redistribuído entre o resto de persoal médico coa consecuente sobrecarga de traballo e perda de calidade asistencial dos pacientes.

Dende a Plataforma advirten que a intención do SERGAS é extinguir esta praza como xa sucedeu en Cervo e Xove e desviar o orzamento destinado a manter este posto de traballo a outros fins co que Ribadeo perde definitivamente unha praza de persoal médico na localidade.

Non é de recibo, aseguraron, que a Xerencia de Atención Integrada continúe aplicando o seu programa de recortes en asistencia primaria que na comarca xa suporía, con esta, a perda de catro prazas médicas nos centros de primaria despois dos xa aplicados en Viveiro, Cervo e Xove. A Plataforma ademais chamou a atención sobre o silencio cómplice do Xerente Executivo do Hospital da Costa que cala e consinte con este novo recorte demostrando unha vez mais que non ten ningún poder diante das decisións aplicadas dende Lugo.

CHAMAN Á POBOACIÓN RIBADENSE A PROTESTAR E RECLAMAR A COBERTURA DESTA PRAZA VACANTE DIANTE DA INTENCIÓN DO SERGAS DE AMORTIZALA
Dende a Plataforma chaman á poboación ribadense a protestar contra esta medida e reclamar a cobertura desta praza vacante para evitar e poñer freo a un novo deterioro asistencial coa perda definitiva dunha praza médica en Ribadeo. Estamos no convencemento, afirmaron, de que a folla de ruta do SERGAS vai ser continuar con este tipo de recortes confirmando o que dende a Plataforma vimos denunciando dende fai moito tempo como desmantelamento do sistema sanitario público para ser substituído por un modelo privado que sen dúbida deixará sen atención sanitaria a amplas capas da poboación.

Exit mobile version