Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco organiza para o sábado 28 unha viaxe cultural ao Monte Pindo e á Fervenza do Ézaro

A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza para o vindeiro Sábado 28 de Setembro unha excursión cultural ao Monte Pindo e ao Ézaro co que pretende achegar os valores paisaxísticos, culturais e patrimoniais da zona ao mesmo tempo que se suma á marcha convocada por diversos colectivos culturais da zona após o incendio que arrasou estes territorios dun alto valor. Neste sentido queremos anunciar que as prazas son limitadas sendo necesario anotarse coa máxima urxencia para participar da actividade no teléfono 606-630-113 sendo a data tope para anotarse o Xoves 26.

O Monte Pindo, o Olimpo dos Celtas, forma un espazo natural xunto coa praia de Carnota o espazo natural Carnota – Monte Pindo catalogado coma Lugar de Importancia Comunitaria e que se atopa incluído na Rede Natura 2000. O espazo ten unha superficie de 4.629 ha e abrangue aos concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.

Os nosos antergos só souberon explicar a vizosa e curiosa xeomorfoloxía do Monte Pindo, inzada de relevos en bolos de granito, mediante historias de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos, e lendas que encheron de ilusión e fachenda aos habitantes destas terras, que transmitiron de pais a fillos durante séculos, contos de tesouros fabulosos, fermosas princesas, rutas secretas, serpes de sete cabezas, fadas encantadas, sacrificios e ritos de fecundidade -que ao parecer prevaleceron ata tempos moi recentes- que deron forma á tradición que sitúa neste lugar o monte sacro dos celtas galegos.

Obviando as lendas, o que si se atoparon son numerosos restos arqueolóxicos, coma petróglifos, útiles de bronce e o que parecen ser os restos dunha antiga ermida. Tamén hai certeza é que no século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte, para protexer estas terras dos continuos ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas Irmandiñas. Dise que fai cincuenta anos aínda se podían ver parte dos seus muros, desfeitos polos buscadores de tesouros.

O Monte Pindo é unha inmensa mole de granito rosa cuxo cumio (chamado A Moa) acada os 627 metros de altura. Atopa os seus complementos ideais na praia de Carnota, a máis longa de Galiza e cuxa aparencia muda constantemente, e na espectacularidade da fervenza do Xallas no Ézaro, único lugar de Europa onde un río cae en fervenza directamente sobre as augas do océano, espectáculo agora raramente observábel por mor do encoramento das augas do río Xallas en Dumbría. A difícil accesibilidade do Monte Pindo gardou virxe durante séculos o maior tesouro ao que calquera lenda puidera terse referido: un conxunto natural único, un auténtico edén de espécimes naturais raramente visíbeis en ningunha outra parte do mundo. A xoia desta coroa é o carballo anano (Quercus lusitanica), especie distribuída polo sur da Península Ibérica e o norte de Marrocos que ten no Pindo o seu único asentamento en territorio galego. A especie atópase catalogada como vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas en Galicia, xa que distribúese por un pequeno asentamento dun só quilómetro cadrado de superficie.[2] No Pindo atópanse varios exemplares desta especie, declarada en alto risco de extinción, e que coexistiu con outros carballos como os Quercus robur e Quercus pyrenaica, con piñeiros coma o Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris, e mais con loureiros (Laurus nobilis), acivros (Ilex aquifolium)… e con outras moitas especies de altísimo valor ecolóxico.

Exit mobile version