Site icon Crónica3.com A Mariña

A USC e Aresa presentan unhas bases para o Premio de Desenvolvemento Rural totalmente renovadas

bases aresaLugo, 30 de setembro de 2013. A Universidade de Santiago, por medio do vicerreitor de Coordinación, Pedro García Herradón, e o grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa, por voz do seu presidente, Álvaro Rodríguez Eiras, presentaron este luns as novas bases do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que se renovan nesta XIV edición para axustarse á conxuntura económica actual.

A principal innovación desta edición é un cambio de orientación na procura de empresas e proxectos empresariais que destaquen pola súa viabilidade, pola creación de emprego e pola posta en valor dos produtos da terra. Para facer unha valoración ecuánime dos candidatos este ano formarase un comité de expertos que analizarán os tres rasgos principais para a valoración dos proxectos. Naturalmente, mantense o principal requisito para acceder ao premio, que se trate dun proxecto que mellore a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.

“Desde a súa orixe, este premio foi creado para favorecer o benestar das persoas que viven no rural e iso non queremos perdelo de vista”, explicou Álvaro Rodríguez Eiras, quen engadiu que “queremos con este cambio nas bases axudar a impulsar todas as iniciativas que hai actualmente neste ámbito, poñelas en valor e premiar a que se considere máis viable, xa que viabilidade é o que necesita a nosa economía actualmente”.

Pola súa banda, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, sinalou que o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural “constitúe un faro que alumea e incentiva novas ilusións no eido da investigación, o desenvolvemento e a innovación nos sectores agrario e gandeiro”.

Outro dos cambios desta edición será que as candidaturas faranse públicas (a no ser que o candidato exprese o seu desexo concreto de privacidade) co obxectivo de dar a coñecer aos medios de comunicación os proxectos que hai en marcha en Galicia para que podan conseguir o respaldo doutras empresas ou institucións. Un xeito de dar a coñecer esta iniciativa é a posta en marcha dunha páxina na rede social Facebook (https://www.facebook.com/Premio.Aresa) na que poderán consultarse os proxectos que se vaian presentando, así como as distintas particularidades do Premio.

O premio acollerá, dous tipos máis de candidaturas: empresas en calquera das súas fases de desenvolvemento e traballos de I+D+i. As propostas, como sempre, poden facerse en nome propio ou no nome doutros, do mesmo xeito que o tribunal se reserva a opción de presentar propostas alternativas.

Nesta ocasión o prazo de presentación de candidaturas rematará o 15 de novembro e a elección do gañador realizarase no mes de decembro, como ven sendo habitual, antes do Nadal. O ámbito de actuación ábrese a toda Galicia e durante este días invitarase a participar no Premio Aresa mediante carta a todas as empresas e institucións vinculadas co emprendemento e a investigación no sector agrogandeiro galego.

A contía do premio segue a ser de 10.000 euros, o que converte a esta convocatoria nunha das máis relevantes do sector. Este ano, ademais, ofrecerase a posibilidade á empresa gañadora de solicitar asesoramento e axuda para o desenvolvemento do proxecto.

García Herradón salientou que a preocupación polo medio rural e polo seu progresivo desenvolvemento, o obxectivo que impulsou o nacemento deste galardón, “constitúe un horizonte que permanece intacto nesta nova convocatoria, na que o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural tamén permanecerá atenta a aquelas iniciativas e ideas encamiñadas a reportar valor engadido aos produtos da terra”.

Pola súa banda, Álvaro Rodríguez Eiras, animou a todos a participar neste premio para dar relevancia á actividade investigadora e empresarial vinculada ao eido rural, “que segue a ser un pilar fundamental para a economía galega”.

Premiados nas edicións anteriores
Na traxectoria deste galardón, creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapán (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega – Acruga (2010).

A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’. O último premio recaeu sobre a empresa Champivil, unha sociedade familiar fundada en Vilalba e dedicada á elaboración e comercialización dun amplo abano de produtos agroalimentarios.

Exit mobile version