Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa da Deputación denuncian a toma de decisións que “rachan a paz social”

Os representantes sindicais das catro organizacións con representación na Xunta de Persoal e no Comité de Empresa da Deputación: UGT, CIG, CCOO e CSIF mantiveron una xuntanza o mércores 28 de agosto para analizar as medidas a adoptar logo de que o goberno provincial procedese de xeito unilateral, sen informar nin consultar, nin convocar aos representantes sindicais, reducindo as coberturas da póliza de seguro colectivo de falecemento e invalidez por accidente laboral, até nun 60%.

Ante a gravísima actuación do goberno provincial, que non ten precedente na historia recente da Deputación incumprindo os acordos e compromisos acadados, a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa acordaron por unanimidade o seguinte:
– Esixir á Deputación que garanta a todos os empregados públicos da Deputación as mesmas condicións de cobertura existentes no ano 2012.
– Solicitar a convocatoria urxente da Mesa Xeral de Negociación para pedir explicacións directamente ao propio Presidente polos recortes inxustificados nas coberturas da póliza de seguros colectivos, e por tomar esta medida sen informar, consultar e negociar coa representación sindical. Esta actitude non ten precedente na etapa democrática da Deputación.
– Informar a todos os empregados provinciais da lamentable decisión adoptada pola Xunta de Goberno provincial.
– Trasladar aos servizos xurídicos das centrais sindicais o conflito creado polo goberno da Deputación de cara a emprender as accións xudiciais que procedan para defender os dereitos laborais conculcados.

Os representantes sindicais da Deputación de Lugo non tolerarán que se danen os dereitos dos/as traballadores/as provinciais, xa dabondo danados polos recortes, e menos aínda con actitudes que rexeitan a negociación, a consulta e a información.

Estas actitudes que provocan o confrontamento e rachan a paz social van xerar inevitablemente un clima de desconfianza que condicionará no futuro as relacións e negociacións entre traballadores e Administración.

Exit mobile version