Site icon Crónica3.com A Mariña

Doural valora moi positivamente o II Fórum de Innovación e Formación sobre vehículos e a I Mostra de coches clásicos de Ribadeo

Ribadeo, 2 de setembro de 2013. O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, fai unha valoración moi positiva do II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos e da I Mostra de Coches Clásicos que estes días se celebraron en Ribadeo.

Doural dixo que “observando os obxectivos que estaban previstos o balance é moi positivo, estamos con ganas de continuar e de poñer en marcha novas iniciativas. Na reunión que tivemos da Asociación de Profesores quedou moi claro que isto é un paso máis, que esta entidade se está a consolidar e en breve comezaremos a preparar a programación do vindeiro ano”. O presidente de APAGA referiuse á I Mostra de Coches Clásicos, que rematou onte nos xardíns do hotel O Cabazo de Ribadeo: “grande satisfacción porque moita de xente que pasou ten vehículos clásicos e relacionados con esta actividade. O vindeiro ano se podería facer unha exposición maior así coma programar unha serie de actividades que nos propuxeron os que se achegaron a esta primeira mostra”.

Álvaro Doural subliñou que “o II Fórum de Inoovación e Formación sobre Vehículos contou cun plantel de poñentes moi importantes e a asistencia mantívose coma na edición anterior. Houbo unha novidade neste 2013 que foi a incorporación de máis xente do mundo da empresa, xente que está traballando e que acudiron a determinadas ponencias. É unha actividade que funciona, a xente marcha contenta e nós estamos satisfeitos. De cara a vindeira edición haberá que facer algunha corrección, pero en liñas xerais resultou moi ben”.

Durante o II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos celebrouse a asamblea xeral da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia: “acordouse cambiar os estatutos, xa que levan vixentes 18 anos. Haberá que modificalos e crear unha infraestrutura adaptada aos tempos. Agardamos ter listos estes cambios antes de que remate este ano, cambios que terá que refrendar de novo a asamblea xeral”. Álvaro Doural engadiu que “se van facer actividades de formación, si é posible unha ao mes. Vaise poñer en marcha tamén o proxecto europeo que temos aprobado e que permitirá que 30 persoas acudan a formarse a Francia, Polonia e Romanía”.

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia conta con 100 socios na actualidade, “un número importante. Temos peticións tamén de afeccionados ao automóbil e de profesionais do sector que se queren asociar, de aí que se precise esa modificación dos estatutos á que aludía anteriormente. Seguimos traballando con moita ilusión, vemos que se están a recoller os froitos do impulso que en poucos meses se deu para poñer en marcha todas estas actividades de formación, exposicións, etc”, indicou Álvaro Doural.

Exit mobile version