Arias sinalou que, no conxunto da comarca mariñá, son 4.651 os rapaces que iniciaron hoxe o curso 2013-2014, unha cifra que ven dada pola presenza de 1.482 nenas e nenos na Educación Infantil e 3.169, na Educación Primaria.
Arias, que participou na xornada inaugural no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Fondo Nois de Foz acompañada polo alcalde do municipio focense, Javier Jorge Castiñeiras, destacou que a Consellería de Cultura e Educación está a “cubrir as necesidades” do alumnado en tódolos centros da comarca, ao igual que se está a facer no conxunto da provincia de Lugo. Así, segundo significou Arias, a ratio de alumnos por mestre na zona “sitúase moi por debaixo da que existe no contexto estatal”.
Neste sentido, a delegada referiuse tamén “ao esforzo realizado por parte do Executivo autonómico para modernizar os centros da zona”, nos que nos últimos meses se levaron a cabo actuacións de mellora que supuxeron un investimento de preto de 310.000 euros.
Precisamente, Arias apreciou in situ os traballos de reforma acometidos no CEIP Fondo Nois, mediante os cales se procedeu “á instalación dunha cuberta na zona de xogos para facilitar unha mellora das condicións do centro”, da que se beneficiaron os case 150 alumnos cos que conta este centro focense.
Incorporacións á rede de centros plurilingües
Así mesmo, Arias aludiu ao “incremento” de centros plurilingües e seccións bilingües na provincia de Lugo para o presente curso. En concreto, o número de centros plurilingües crece máis dun 38% coa incorporación de cinco novos centros a esta rede, “dous deles precisamente nesta comarca, o CEIP Pedro Caselles Rollán, en Xove e o IES San Rosendo, en Mondoñedo”, apuntou Arias.
Mentres, no caso das seccións bilingües, a subida permite incluír a un 35% máis de alumnos que no curso pasado, agrupando xa a case 4.000 rapaces (3.984 alumnos), incluídas tódalas etapas educativas.
Arias subliñou a importancia destas iniciativas no contexto actual. “A formación en idiomas e o manexo das novas tecnoloxías non son xa un plus, senón que son algo básico e indispensable. A Xunta, consciente desta realidade, segue investindo e promovendo neste eido educativo en Lugo”.
Ao fío destas novidades, Arias quixo tamén concluír “agradecendo o traballo que están a realizar todos os profesores, porque sen o esforzo dos profesionais da ensinanza non sería posible garantir a calidade do ensino”.